20 de xaneiro de 2012

Sobre as baixas por enfermidade

A Xunta de Galicia disque está estudando eliminar o complemento das IITT ata o 100% para o persoal. Ante esta noticia hai que facer as seguintes precisións:
  • Na actualidade, a Seguridade Social fai a prestación económica seguinte, no réxime xeral: en caso de continxencia común, non paga nada os tres primeiros días; entre o 4º e o 20º, paga o 60%; e a partir do 21º, abona o 75%. En caso de accidente laboral, paga o 75% desde o primeiro día.
  • O artigo 30 do Convenio Colectivo vixente para o persoal laboral da Xunta garante o 100% das bases de cotización.
  • O persoal de Mutualidades (MUFACE, MUGEJU...) ten o seu propio sistema para as baixas, sistema que obriga á Administración a aboar o 100% durante varios meses, segundo a Mutualidade de que se trate. A partir destes meses, a Mutualidade faríase cargo dos complementos que a Xunta deixara de pagar.
  • O único persoal afectado moi directamente sería o persoal funcionario e interino do réxime de Seguridade Social, producindo non só unha discriminación inxustificada co resto do persoal (laborais e mutualistas), senón un dano gravísimo ás compañeiras e compañeiros enfermos, que non podemos admitir.
Non podemos tolerar que dereitos adquiridos sexan eliminados como por arte de birli-birloque e que a empresa (neste caso a Xunta) impoña unilateralmente as condicións de traballo. Amosemos o noso rexeitamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo