26 de febreiro de 2010

Seguen dando a Vara

O presidente de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, sumouse aos que están reclamando que os funcionarios se apreten, aínda máis, o cinto. O ínclito (non olvidemos que é do PSOE) dixo que "son tiempos de ajustes" e que nesta situación "va a haber que exigir esfuerzos a todos". Xa sabemos quen son eses todos: os de sempre.

25 de febreiro de 2010

Os salarios do 2010

Picando aquí pódese descargar a táboa salarial do ano 2010, tanto de persoal laboral como de persoal funcionario.
Se hai sorte, non nola baixarán durante o ano...

24 de febreiro de 2010

Basta xa de agresións!

Carlos Ocaña, o Secretario de Estado de Facenda, anunciou a intención do goberno de estudiar a posibilidade de conxelar ou reducir os soldos dos empregados públicos os anos 2011 e 2012. Desde a CGT queremos recordar o "impresionante" acordo salarial pactado polos chamados maioritarios e que xa anunciabamos a posibilidade de que o goberno non o cumplira, dado que o Estatuto Básico así llo permitía.
Tamén os funcionarios temos motivos para a Folga Xeral.

22 de febreiro de 2010

A CGT ante as mobilizacións de CC.OO.-UGT

Á CGT parécelle ben que CC.OO-UGT se mobilice ante a pretensión de reformar as pensións. Pero non é suficiente, salvo que se pretenda con estas mobilizacións adurmiñar aos traballadores. A folga xeral é unha necesidade xa.

Seguen predicando a costa dos empregados públicos

O goberno quere avaliar a todos os funcionarios para saber o seu rendemento. Esta avaliación é, cómo non!, consecuencia dun pacto con CC.OO., UGT e CSIF e servirá para saber qué funcionarios sobran e onde. Tamén están estudando o tema da mobilidade, que lles parece que é moi ríxida a lexislación actual.
Se xa sabiamos nós que a culpa da crise era toda nosa...

A voltas coa fichaxe

A Xunta volve a facerse propaganda (e a poñer aos funcionarios na picota) coa teima do control horario. Considera que os sistema actuais son obsoletos e que, coas novas tecnoloxías, se poden controlar "todos os movementos dos funcionarios".
A CGT non se opón a que a Xunta faga un control razoable do absentismo laboral (seguramente necesario nalgúns casos), pero o que non vai admitir é que se utilicen sistema ilegais ou que se persiga aos funcionarios en toda a súa actividade cotiá. Nestes casos, actuará en consecuencia.
Unha pregunta final: de quen é a empresa das máquinas de fichar?

19 de febreiro de 2010

Os minusválidos son un estorbo

Iso é o que deben pensar os responsables da Consellería de Traballo e Benestar que, na Xefatura Territorial da Coruña, "almacenan" a unha parte das persoas que van facer a avaliación nun descanso das escaleiras do edificio de Monelos. Alí, á entrada do ascensor, sen asentos para todos, expostos ás correntes que cruzan o tiro das escaleiras, deben agardar os cidadáns a que os vaian chamando. E por que esta tortura? Para non destinar a alguén a chamar aos interesados á sá de espera, que está algo alonxada dos lugares nos que se fai a avaliación.
Miserentos!

12 de febreiro de 2010

De momento? Que quere dicir "de momento"?

Vaia por diante que nós non cremos que o goberno se atreva a reducir o soldo dos empregados públicos como o fixo o de Grecia, pero as declaracións da ministra Salgado dicindo cousas como "el gobierno no contempla en el horizonte inmediato congelar el sueldo de los empleados públicos" ou que no no fará "de momento", necesitan unha explicación inmediata. Nós, por se acaso, estaremos atentos.

11 de febreiro de 2010

Celebrouse o contencioso sobre o acordo de Educación

O luns pasado, 8 de febreiro, celebrouse en Santiago o xuizo polo contencioso contra o Acordo de Educación de CIG, CC.OO., UGT, e máis CSIF. Os abogados da Administración argumentaron que o Tribunal do Contencioso de Santiago non era competente para coñecer o asunto, xa que o Acordo ao ser ratificado polo Consello da Xunta pasou a ter rango de Decreto polo que a competencia sería do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Pola nosa parte argumentamos que, independentemente das argumentacións da Administración, o obxecto do Acordo e regulamentar dereitos (económicos e de xornada laboral) dos funcionarios polo que a compentecia corresponde ao tribunal contencioso ordinario. Finalmente a xuiza decidiu suspender a vista para poder reflexionar e tomar unha decisión sobre este asunto da competencia. Sexa como fóra, a avaliación que facemos dende a CGT é que a Administración busca co traslado do expediente ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para retrasar o máximo posible o proceso xudicial (podería alongarse máis de 3 anos antes de que finalmente se realizara un novo xuízo) conscente da gran posibilidade que a demanda presentada por CGT vaia adiante.

10 de febreiro de 2010

Pim, pam, pum

Marianito Rajoy, por fin, declarou que el tería conxelado os soldos dos funcionarios, en troques do que fixo o goberno de subir un 0,3 %. Xa sabemos que toda prédica distinta á do goberno é, para don Mariano, un punto ao seu favor para as próximas eleccións (uns cantos votos máis). Tamén sabemos que a suba non é tal, senón que é unha reducción real co conto dos 400 euros. Sen embargo, recoñecemos que non está mal que as cousas queden clara pola súa parte.

8 de febreiro de 2010

Nomeamentos

No DOG publícase a Orde pola que se nomean funcionarios do grupo B (escala de enxeñeiros técnicos industriais) aos que superaron as probas convocadas pola Orde do 28 de outubro de 2007. Noraboa. Xa non era sen tempo.

4 de febreiro de 2010

Xa chegou a suba de CC.OO., UGT e CSIF

A finais de setembro de 2009 os sindicatos maioritarios asinaron en Madrid o acordo retributivo para os funcionarios, o 0,3 % de suba. Foi presentado en todos os medios como un gran logro, máis si, como eles dicían, se lle sumaba a consecución da Cláusula de Revisión Salarial.

Menos dun mes máis tarde da sinatura, CGT advertíu que esta miserenta suba nin sequera era real, e non o era por dúas razóns evidentes (parece que só se lle escapaban aos asinantes). En primeiro lugar, porque a mediados de setembro xa era coñecida a retirada dos 400 € que o goberno dera en 2009, e que esta retirada íase realizar vía IRPF. En segundo lugar, porque as previsións do IPC para o 2010 sempre estaban por riba do 0,3 % do aumento salarial, de feito os orzamentos xerais do Estado recoñeceron finalmente unha previsión do 1 % que as organizacións económicas non oficiais sitúan no 1,3 % a finais de 2010.

Todos e todas acabamos de ver as nosas nóminas de xaneiro, e sorpresa? onde está a suba salarial que asinaron os maioritarios? Non só os nosos salarios reais non subiron aquel exiguo 0,3 %, senón que, na maioría dos casos experimentaron unha baixada. Pero non hai problema, nos dirán os delegados de CC.OO., UGT e máis CSIF, todo o que o perdamos do noso poder adquisitivo será “salvado” pola cláusula de revisión salarial. Si, seguro?, máis o problema é cando vai acontecer isto. Os hachas da negociación asinaron unha cláusula de revisión salarial bastante particular, en vez de efectuarse a revisión ano a ano efetuase ao remate da vixencia do acordo. E mentras? Pero non acaba aí a cousa, a aplicación da cláusula de revisión salarial prevista para o 2013, terase que efectuar cun novo goberno, xa que haberá eleccións no 2012, e tal e como establece o Estatuto Básico do Empregado Público, diante de situacións excepcionais os pactos ou acordos de carácter salarial poden non ser aplicados.

Non obstante, a crise, que parece xustificar todo, non existe para as subvencións que reciben son sindicatos “negociadores”. Dende 2005 estas subvención aumentaron un 50 % e si as sumanos ás que percibiu a CEOE saenos a case 60 millóns de euros no 2009, isto é un 300% máis que no 2004. Mentras o Centro de Estudos do BBVA e un informe da Confederación Española de Caixas de Aforro recomendan como medida para superar a crise a reducción do salario dos funcionarios/as ou incluso unha modificación legal que permita o seu despedimento. Ao mesmo tempo que a Xunta nos apreta o cinto a algúns, a maioría, a cantidade de beneficiados polo famoso “Plus de Altos Cargos”, pasou, co cambio de goberno de 122 a 191. Para eles si que non hai crise.

Cursos da EGAP

A EGAP convoca, no DOG de hoxe, cursos de formación para o persoal da Xunta de Galicia. O prazo de solicitudes remata o 12 de febreiro de 2010 e a matrícula farase electrónicamente picando aquí.

3 de febreiro de 2010

Recoñecementos médicos

No DOG de hoxe publícase a campaña de vixilancia periódica da saúde para este ano para o persoal da xunta de Galicia. A ligazón para inscribirse telemáticamente estará aquí.

1 de febreiro de 2010

As nóminas dos empregados públicos, asaltadas

Porque é un verdadeiro atraco o que está pasando nos salarios dos funcionarios públicos. Non contentos coa miserenta "suba" do 0,3 % asinada polos CCOO-UGT-CSIF, as nóminas do persoal vense, a partir deste mes, disminuídas na maioría dos casos. A xustificación para o atraco é a anulación da célebre medida dos 400 euros: como a economía vai mal (a de quen?), súbennos o IRPF para recuperar eses casrtos. O resultado é que nos levan máis do que nos dan.
Os que non teñen problemas son os políticos e os sindicatos "maioritarios". Os primeiros cobran pensións máximas cun par de anos de cotizacións e os segundos reciben subvencións a cambio dos servizos prestados.

Pola letra M

Por esta letra comezarán as probas selectivas da Xunta durante o ano 2010, segundo o resultado do sorteo do 26 de xaneiro.

Plan de formación da Xunta

O DOG de hoxe publica o Plan de Formación da Xunta de Galicia para este ano. As convocatorias semestrais dos cursos faranse oportunamente no propio DOG.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo