28 de agosto de 2008

Disposicións no DOG

No DOG de hoxe publícanse duas disposicións de interese para o persoal da Xunta. A primeira é unha corrección de erros da Orde do 18 de xullo referida á convocatoria do proceso selectivo para o grupo A2. O outro é unha resolución que modifica as listas de traballo temporal para os laborais, por distintos motivos. Neste último caso hai un mes de prazo para rocorrer.

18 de agosto de 2008

O IPC dos produtos básicos, no 10,27 %

Segundo a páxina http://www.ipcreal.com/, o IPC dos produtos básicos subiu, no último ano, o 10,27 %, moi alexado do IPC oficial. Os promotores desta páxina utilizan os mesmos datos do Instituto Nacional de Estatística, pero eliminan produtos como xoias, ciruxía estética ou o prezo das flores; así mesmo, manteñen os indicadores de proporcionalidade que utiliza o propio INE; polo mesmo motivo, non inclúen os prezos das hipotecas ao non facelo o organismo oficial.

Podemos observar a suba do leite (22,3%), a pasta (26,4%), os ovos (15,9%), e así con outros produtos básicos.

Isto reafírmanos en non dar nin un paso atrás na reivindicación de reclamar unha cláusula de revisión automática dos salarios, así como o imprescindible peche dos abanos salariais, dada a especial importancia que teñen estas subas para os que cobran os salarios máis baixos.

12 de agosto de 2008

RRPPTT de Medio Rural

No DOG de hoxe publícase o Acordo da Xunta de Galicia que aproba as RPPTT de Medio Rural. Tamén se publica, antes de que o anterior entre en vigor, outro Acordo que modifica o acordo anterior. Isto si que eficacia!

11 de agosto de 2008

Os nosos soldos, outra vez de miseria

O ministro Solbes propón que os soldos dos funcionarios suban, o ano que ven, un 2 %. Todos sabemos o que é isto: cunha suba do IPC do 5,3 % interanual na actualidade e cuns prezos desbocados nas subsistencias, na electricidade e no gas doméstico (por non falar das hipotecas e dos alugueres), ao señorito Solbes só se lle ocurre escarmentar ao persoal, pero nas testas do funcionariado.

Non aceptemos que se siga producindo, ano tras ano, esta situación. Non permitamos que os sindicatos chamados maioritarios asinen o primeiro papel que se lles poña diante: mobilicémonos e consigamos, por fin, unha cláusula de revisión salarial automática. Só queremos o que a maioría dos traballadores ten no seu convenio e o que outros colectivos (como os xubilados) que cobran do estado tamén teñen.

6 de agosto de 2008

Os soldos dos grupos D e E da Xunta, entre os máis baixos de España

En varios xornais de hoxe (podes picar aquí) sae a noticia que moitos xa sabiamos. É imprescindible a mobilización. Non fan falta máis palabras.

3 de agosto de 2008

Consumouse a desfeita: un acordo intolerable para os subalternos nos centros de ensino

O pasado 31 de xullo, os sindicatos CCOO, UGT, CIG e CSIF asinaron un "Acordo sobre horarios e retribucións dos funcionarios que prestan servizo nos centros de ensino". Segundo este acordo, as direccións dos centros poderán establecer horarios para os subalternos entre as 7,45 e as 23 horas a cambio de 70 euros ao mes. Establécense mecanismos para a fixación dos horarios, pero estes pódense ir cambiando segundo as supostas necesidades (ou necidades) de cada centro e o seu director e, ao final, sempre a administración ten a última palabra, haxa voluntarios ou non.

Por outro lado, súbese o nivel do complemento de destino para todos os auxiliares que teñan posto base, pasando ao nivel 14. Isto supón non só desvirtuar o sentido que ten o específico, que era onde tiña que ir a suba salarial para este persoal (a ley da función pública de Galicia di que "O complemento específico, destinado a retribuír as condicións particulares dalgúns postos de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade") e non poñelo nuha avantaxe inxusta co resto do persoal posto-base do corpo auxiliar da Xunta. Son acaso menos traballadores que os auxiliares de ensino os que prestan servizos nos rexistros xerais, por exemplo? Ou os que traballan no departamento de nóminas ou persoal na mesma Consellería de Educación? Ou os que traballan arreo nos servizos sociais? Por que o persoal auxiliar dos centros de ensino ten o privilexio de participar no próximo concurso de traslados con máis puntos que o resto? E, finalmente, se o que cambian son as condicións de traballo dos subalternos, por que os postos de traballo que se reclasifican son os dos auxiliares?

Finalmente, e mentras estudiamos que se pode facer ante este abuso e esta discriminación, a CGT pregúntase: por que se asina este acordo sen consultar aos traballadores? Acaso o persoal da Xunta é distinto aos traballadores do metal, da construción ou da pesca, cos que se fan asembleas e mesmo refrendos, se é necesario, antes de asinar no seu nome?

1 de agosto de 2008

O IPC, polas nubes. Cláusula de revisión salarial, xa!

O IPC xa está no 5,3 % este ano. Dando por certo este índice (xa é sabido que non é máis que unha ferramenta do goberno para distraernos da suba real dos prezos para os traballadores), os funcionarios da Xunta volvemos a perder poder de compra este ano. O acordo asinado o 18 de outubro de 2006 pola Xunta e os sindicatos CCOO, UGT, CIG e CSIF preséntase agora en todo o seu esplendor.

A CGT segue reivindicando o establecemento dunha cláusula de revisión salarial automática. Se seguimos sin organizarnos e sen mobilizarnos, non nola van regalar. Fagámolo.

Educadores e profesores especiais

No DOG de hoxe publícase unha corrección de erros na lista definitiva de aprobados para o ingreso na categoría 006 (educador/a, profesor/a especial) dos laborais fixos da Xunta. A corrección consiste nun novo anexo de aprobados.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo