30 de maio de 2008

Gañas de complicarnos a vida

Esa é a función de algúns na administración autonómica. Isto ven a conto polo novo sistema de solicitar o Fondo de Acción Social, sistema que obriga a efectuar unha validación da solicitude inicial por parte dos xefes para facer unha presentación posterior. É dicir, a Xunta pide unha certificación do xefe de que estás traballando para a Xunta, por exemplo.

Ben está que se apliquen as novas tecnoloxías, pero non só para quitarlles traballo a algúns, senón en beneficio de todos.

29 de maio de 2008

O concurso xeral, no DOG

No DOG de hoxe sae a disposición pola que se adxudican as vacantes do concurso xeral de traslados no ano 2007. Nesta disposición se explican os prazos de posesión e demáis circunstancias dos nomeamentos. O que non figura é a información individualizada; os participantes que non obtiveron praza non poden saber cantos puntos acadaron en cada posto solicitado, nin quen está por diante ou por detrás. Non podemos olvidar que houbo moitas reclamacións e hai que saber que foi delas. Se colgan esa información, farano aqui.

Noraboa aos afortunados e a todos os milleiros que non son capaces de promocionarse pola política de persoal do goberno da Xunta só temos que decirlles que se organicen e loiten para cambiar as cousas.

27 de maio de 2008

Saída inmediata do concurso de traslados

Con toda a prudencia o dicimos, pero é bastante probable que, no día de hoxe, se poida consultar o concurso de traslados xeral do ano 2007. Cando Función Pública o faga, poderase consultar picando aquí.

Oferta de emprego público (Decreto 88/2008) ou "de como nos toman por parvos"

Foi presentada “aos catro ventos” pola Administración da Xunta de Galicia e os sindicatos asinantes do acordo, nada menos que 3283 prazas.

Pero analicemos punto por punto esta tomadura de pelo:

I.- Persoal de novo ingreso (Artigo 5º e Anexo):
Administración Xeral (Corpos xerais 330, Escalas 7): 337
Administración Especial (Veterinarios): 48
Persoal laboral (Prazas sen convocar da OEP de 2007) 73
Total: 458 prazas de novo ingreso. Destas, 73 pertencen á oferta do 2007 e, por tanto se contabilizan por segunda vez.

A CGT denuncia a manipulación das cifras:
As prazas de novo ingreso da OEP de 2008 son só 385

II.- Promoción interna para o persoal funcionario (Art. 6º):
- Apartado 2: establece que o persoal do corpo auxiliar (C2) poderá participar nos procesos de promoción interna para o corpo administrativo (C1) sen necesidade de cumprir o requisito de titulación se acredita 10 anos de antigüidade no corpo auxiliar.
- Apartado 3: establece que aos que superen o proceso se lles adxudicará destino no mesmo posto que viñan desempeñando (ben por estar aberto ao grupo de titulación ao que se acceda, ben pola reclasificación do dito posto), coa excepción dos que accedan ao grupo C2.

A CGT reivindica:
- Que o requisito da titulación poida ser substituído por 10 anos de antigüidade para participar en todos os procesos de promoción interna ao grupo inmediatamente superior (A1, A2, C1 e C2) e non só do grupo C2 ao C1.
- Que quen posúa a titulación requirida e a antigüidade mínima de 2 anos poida participar nos procesos de promoción interna a calquera grupo (un auxiliar que acredite unha licenciatura poida participar na promoción interna ao grupo A1 ou A2, por exemplo). Isto xa ocorre na administración sanitaria.
- Que se reclasifiquen os postos daqueles compañeiros que superaron procesos anteriores de promoción interna e que optaron pola excedencia nos postos obtidos, pois aceptalos implicaba un cambio de localidade.
- Que a reclasificación (mesma dirección provincial) dos postos se lles aplique tamén aos compañeiros que acceda por promoción interna ao grupo C2 (é dicir, aos subalternos), aos que o apartado 3 exclúe expresamente desa posibilidade.

A CIG na súa resposta ao escrito “O dislate da administración cos funcionarios” di a verdade ao afirmar que o grupo E foi vendido polos asinantes do Estatuto Básico do Empregado Público, pero oculta que agora volveu a ser vendido polos asinantes deste acordo, CIG incluída, pois exclúe expresamente da reclasificación do posto que ocupan a quen promocione ao grupo C2 (os subalternos), 170 prazas das 435 que se ofertan por promoción interna.

III.- Proceso de promoción para a consolidación de grao persoal (Art. 7º)
Establécese a convocatoria de 100 "prazas" para que o persoal de corpo administrativo poda consolidar dous niveis superiores ao grao que teña consolidado, previa superación dunha proba informática. Iso si, a consolidación “penalízase” con dous anos sen poder promocionar ao corpo de xestión.

A CGT reivindica que a posibilidade da consolidación de grao se aplique a todos os grupos cos mesmos requisitos que para o grupo administrativo, coa excepción da proba, que sería distinta para cada grupo. Sobre a “penalización”, considerámola un sensentido. Ao mesmo tempo, as 100 “prazas” ofertadas deberían ser un mínimo e consideramos que todo o que supere a proba debería ter a posibilidade de consolidación, en todos os grupos e non só no C1. Hai que lembrar que non estamos a falar da creación de prazas, senón dunha consolidación de grao.

IV.- Substitución de emprego temporal por emprego fixo (Art. 9)
Este artigo establece a convocatoria de procesos extraordinarios para dar a oportunidade ao persoal interino e laboral temporal de adquirir a condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo respectivamente.

A CGT foi e é contraria ao emprego en precario, e iso é o que é a temporalidade ou o interinaxe; pero esta precariedade non pode solucionarse a costa das expectativas de promoción dos traballadores que superaron un proceso selectivo nin do incumprimento do principio de igualdade no acceso ao emprego público con esta convocatoria está a permitir.

Reivindicamos que a estas convocatorias extraordinarias “de consolidación e estabilización” poidan concorrer, en iguais condicións que interinos e temporais, os funcionarios de carreira e o persoal laboral fixo que acredite 4 anos de antigüidade, se se trata de acceder ao grupo inmediatamente superior, e ese mesmo período e a titulación requerida se se trata de acceder a calquera outro grupo.

V.- Procesos de funcionarización (Art. 10)
A CGT reivindica a figura única do empregado público: libre mobilidade entre postos de laborais ou de funcionarios a través dos sistemas xa existentes (concursos de provisión de postos e procesos de promoción interna). Non é necesario “inventar” nada.

A CGT está a realizar unha campaña en contra desta OEP coas reivindicacións que se recollen neste escrito. Por isto, quen queira adherirse, opinar ou deixar algunha reflexión, pode facelo no noso correo electrónico: xunta [arroba] cgtgalicia [punto] org

23 de maio de 2008

Promoción interna para o grupo B

No DOG de hoxe sae convocado o segundo exercicio da promoción interna do grupo B (Corpo de Xestión). Farase no salón de actos da EGAP, o día 4 de xuño, mércores, ás 16:30 horas.

Non vos olvidedes do DNI, do lapis e da goma. Sorte a todas e todos.

22 de maio de 2008

Privatizando, que é xerundio. As nóminas, en mans privadas

Ata o de agora non incluímos neste blog tódolos procesos de privatización que o goberno Touriño-Quintana están facendo sen cortarse. Tódolos días podemos ver no DOG como se sacan a concurso (é un dicir, porque os adxudicatarios están moi claros a maioría das veces) todo tipo de servizos, así que non é ningunha novidade.

Sen embargo, esta última é especialmente cabreante: a partir deste mes, a impresión da nómina e a súa distribución será cousa dunha empresa privada. Non sabemos como se chegou á conclusión de que o persoal da Xunta o facía mal e de que o faría mellor esta empresa. Tampouco sabemos que é o que pasa cos datos íntimos do persoal e que figuran na nómina, como poden ser descontos ou retencións en nómina por débedas ou por pensións alimenticias. O que si sabemos é que a política de rematar coas privatizacións e as asistencias técnicas foi unha nube de verán: a estes o que lles gosta é a raiola do sol... que máis quenta.

19 de maio de 2008

Por fin, o Fondo de Acción Social do ano 2007

Como xa vos anunciabamos días atrás, no DOG de hoxe, día 19, saen publicadas tanto a convocatoria como os criterios do Fondo de Acción Social do ano 2007. Os distintos programas son os de xubilación, discapacitados, fillos menores, estudos fillos, estudos traballador, vivenda, maiores a cargo e gastos sanitarios. A presentación de solicitudes faráse a través da páxina web http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm entre o 22 de maio e o 6 de xuño próximos.

Leede ben as bases e non vos olvidedes da documentación.

15 de maio de 2008

Fondo de Acción Social 2007

Está previsto que o próximo día 19 de maio se publiquen no DOG os criterios e prazos para solicitar a Acción Social do ano 2007. As solicitudes tamén se poderán formalizar electrónicamente.

9 de maio de 2008

O concurso de traslados, en xuño

Na xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos do día 7 de maio, a Administración da Xunta comprometeuse a que o concurso de traslados dos corpos xerais resolverase de xeito que as tomas de posesión se poidan facer durante o mes de xuño.

Xa non era sin tempo!

8 de maio de 2008

Mobilización en defensa dos servizos públicos en Pontevedra

Co traslado das distintas delegacións provinciais a un novo edificio administrativo en Pontevedra a Administración pretendía “consorciar” a xestión do novo servizo de gardería e amortizar prazas nos servizos de limpeza e mantemento. A finais de marzo nunha reunión cos sindicatos con representación na Xunta de Persoal da Provincia a Delegada da Presidencia informou destes plans e de que non eran negociables. A Xunta de Persoal iniciou unha serie de contactos, primeiro co Comité de Empresa da Consellería de Vicepresidencia, e despois con todos os comités das diferentes consellerias para inciar mobilizacións en defensa da xestión pública tanto da gardería como dos servizos de limpeza e mantemento. As mobilizacións comezaron o luns 29 de abril. Todos os sindicatos presentes tanto na Xunta de Persoal como nos distintos Comités de Empresa da Administración (CGT, CC.OO, CIG, CSIF e UGT) apoiaron esta primeira concentración diante da sede da Xunta en Pontevedra. Na asemblea da delegados posterior aprobouse intensificar as mobilizacións e pecharse indefinidamente na despacho da Delegada da Presidencia ata que se nos deran garantías de que estes servizos non se van privartizar, tamén se acordou convocar unha manifestación para o 16 de maio en Pontevedra. As novas accións (concentración e peche) tiveron lugar o luns 5 de maio. O peche non chegou a realizarse xa que a Delegada da Presidencia sostivo dúas reunións cos representantes dos diferentes sindicatos e se comprometeu, despois de dous amagos de ocupación do seu despacho, a garantir que todo o servizo de gardería sería público, non así os de limpeza e mantemento.

Este éxito relativo fixo que a posición de UGT, CC.OO. e o CSIF variara e propuxeran desconvocar a manifestación, mentras que CGT e CIG continuan coa posición inicial de loitar pola non privatización dos servizos de limpeza e mantemento.

5 de maio de 2008

A Oferta de Emprego Público deste ano

No DOG de hoxe saiu publicada a Oferta de Emprego Público para o ano 2008. O texto contén o propagandístico "acordo de consolidación de emprego" asinado cos sindicatos maioritarios e as prazas previstas nas nosas informacións anteriores. Se a queres consultar, pica aquí.

2 de maio de 2008

Irracionalidade no grupo D

Dúas recentes informacións amosan a irracional posición de algúns sindicatos sobre a situación do corpo xeral auxiliar da Xunta de Galicia (actualmente grupo D, grupo C2 segundo o Estatuto Básico). Non sería importante se non indicase a posibilidade de que a inxustiza se siga cebando neste grupo, claramente o máis maltratado da administración, dada as funcións que está desenvolvendo e as retribucións que padece.

Referímonos ao seguinte: na reunión da comisión de persoal do pasado 21 de abril, a administración comprometeuse cos sindicatos chamados maioritarios, entre outras cousas, a "abordar a reclasificación do grupo E (grupo profesional) ao novo grupo C2". É dicir, convertir o grupo D (C2) nun caixón de xastre onde teñan cabida tanto os compañeiros que fan recados ou abren sobres como os que fan resolucións, controlan subvencións ou manexan apliciacións informáticas. A posición da CGT é clara: as funcións do actual grupo E non teñen nada que ver coas do grupo C2 e, en todo caso, as deste grupo son as que hai que valorar, dado que realizan funcións propias do grupo C1 (actual C) ou superiores sen ningún recoñecemento nin retribución axeitada.

O segundo caso é a chamada "Plataforma Sindical Unitaria" para o persoal funcionario non docente, asinada polo sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT. Nesta plataforma preténdese, entre outras cousas, unha Mesa de Negociación Específica, a recatalogación dos postos con reclasificación de grupo e incremento do complemento de destino, o incremento do específico en 244 euros mensuais e a negociación das funcións. Nesta proposta están de novo involucrados os funcionarios do grupo D. Manifestamos o noso rexeite a separar o persoal dos centros de ensino do resto do persoal (iso é o que quere a Consellería) e que hai que abordar a situación deste colectivo desde unha visión global e non creando un corporativismo de colexio que, ademáis, non resolve os problemas. A toxicidade non se amaña pagando máis, senón apartando ao traballador do traballo insaluble; os horarios abusivos non se amañan con cartos, senón loitando e esixindo horarios dignos. As diferenzas de situación non se solucionan negociando á parte, senón levando a mesas xerais as situacións de colectivos concretos. Basta xa de escalas especiais, de corpos especiais, de grupos especiais...

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo