29 de setembro de 2013

Novo borrador xornada e horarios

deuse a coñecer o novo borrador do proxecto sobre xornada e horarios da Xunta de Galicia, que presenta algunhas novidades sobre o anterior. Emporiso, consideramos que aínda pode haber melloras razoables: a redución da parte fixa da xornada, o incremento dos marxes de cortesía ou a posibilidade, como fai a Xunta co persoal da Administración de Xustiza, de incrementar os días de libre disposición se se fai xornada de máis, unha vez descontada a marxe de cortesía. Os interesados poden picar aquí.

26 de setembro de 2013

Reunión da Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos

A reunión da Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos celebrouse en Compostela o día 24 de setembro.Estaban presentes: CIG, CC OO, UGT, CSIF, ANPE, OMEGA, CEMS, SAE e un sindicato de Xustiza, ademais da CGT.
Abre a reunión a representante de CIG e informa que, previamente a esta reunión de “todos”, os catro sindicatos con representación na Mesa sectorial da función pública (CIG, CC OO, UGT e CSIF) xa celebraran outra e posto de acordo sobre o que ían propoñer no día de hoxe ao resto das organizacións.
A primeira proposta referiuse á continuidade da propia Plataforma, por máis que, segundo se recoñecía, a última etapa da súa existencia tivese sido máis "lamentable". Por suposto, ningún dos presentes fixo ningunha análise ou comentario respecto a este feito, como tampouco ninguén preguntou que podería terse feito tan mal para rematar a Plataforma do modo que o fixo. De feito, ningunha organización puxo reparo ningún á continuidade da Plataforma, nin ao que deseguida se formulou, por máis que todos eles comentasen a situación xeral de apatía, desmobilización e desafecto dos traballadores.

25 de setembro de 2013

Rajoy, un vacilón

O presidente do goberno, presuntamente Mariano Rajoy, ven de anunciar que, durante os anos 2013 e 2014, os empregados públicos cobrarán as pagas extras completas. Así, para este señor, é unha gran cousa que os traballadores cobren, en cartos reais, no ano 2014, un 20% menos que no ano 2010, e o presenta como un gran trunfo da súa política económica.
Claro que, no medio do trunfalismo, o presunto presidente do goberno esquéncese de que hai algunha parte dos seus gobernados que nin iso: en Galicia, os empregados públicos volverán sufrir, no ano 2014, un recorte medio dun 40% nas pagas extras por decisión do señor Feijóo, que decidiu que era máis listo que o señor Rajoy e que os traballadores públicos galegos teñen máis tragadeiras e menos necesidades que cubrir que os do resto do Estado.

24 de setembro de 2013

Os dependentes tamén pagan

O DOG de hoxe publicou un decreto -de 235 páxinas!- que, pomposamente, di que "define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención das persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo". En definitiva, trátase dun decreto que indica que porcentaxe do custo da prestación terá que pagar o usuario en función das súas rendas. As rendas están relacionadas co IPREM (indicador público de renda de efectos mústiples) e a porcentaxe que pagará o usuario irá entre o 0% e o 90%, en función da comparanza das súas rendas co IPREM.
Nin que dicir ten que, na práctica, non é máis que unha nova navallada aos servizos públicos e que, para a CGT, é responsabilidade de toda a sociedade, e non principalmente dos doentes, o sostemento daqueles que non se poden valer nun determiando momento. Disfrazar estas medidas como progresistas porque se fagan tendo en conta os ingresos non é máis que despoxar aos dependentes duns ingresos imprescindibles para a súa antonomía persoal.

19 de setembro de 2013

Fondo de Acción Social 2012. Listaxes provisionais

A Consellería de Facenda ven de expoñer as listaxes provisionais das axudas do Fondo de Acción Social de 2012, que, como é sabido, refírese unicamente para atención de axudas para persoas capacitadas, ao recortar a Xunta as partidas para o resto de programas. Pódense consultar picando aquí.
Para facer reclamacións hai un prazo de dez días hábiles contados a partir de mañá.

17 de setembro de 2013

Xa está cuantificado o roubo

Por fin apareceu o documento oficial que valora o recorte nas pensións durante os próximos nove anos. A memoria que o goberno enviou ao Consello Económico e Social cuantifica en perto de 33 mil millóns de euros o "aforro" -bonito nome para un roubo- que o Estado terá pola modificación do sistema de cálculo das revalorizacións das pensións. Segundo este novo sistema -que aplica o chamado "factor de sostebilidade"- as pensións non subirán segundo o IPC, senón en función dos ingresos, dos cotizantes, da esperanza de vida, etc., é dicir de factores que son contrarios todos ao incremento das pensións. As pensións, segundo o novo sistema, nunca subirán menos do 0,25% e tampouco nunca máis desa mesma porcentaxe.
A isto hai que engadirlle o retraso da idade ordinaria de xubilación (67 anos) e a modificación no cálculo da pensión inicial, que suporá unha redución adicional das pensións.

13 de setembro de 2013

Feijóo, ese mequetrefe

O anuncio de Feijóo de que seguirá recortando as pagas extras dos empregados públicos da Xunta de Galicia durante ao ano 2014 non debe sorprendernos. Pertence a esa caste de persoas -os políticos- nos que a impostura e a mentira é o seu estado natural. Só uns días despóis de anunciar que non volvería meter as tixeiras nas nóminas dos traballadores, ven dicir -como quen non quere a cousa, por casualidade, de pasada- que o ano 2014 os empregados públicos seguirán perdendo un 40% das pagas extras, de media.
Pero non é só iso: ten a fachenda de dicir que iso é obrigado cumprimento pola conxelación decidida polo goberno de Madrid e, ademáis, que xa era algo sabido cando se aprobou o recorte do ano 2013. ¡Fraudulento, charlatán, embusteiro, enganoso, falaz, falsario, falso, impostor, enleado, patrañeiro, troleiro, boleiro, farsante! As verbas quédanse cortas para definir a este mequetrefe que esta afundindo os servizos públicos en Galicia. Sabe perfectamente que nada legal impide a recuperación das pagas e que co recorte do ano 2013 anunciou o carácter temporal da medida.
Mentres, os empregados públicos miramos para outro lado criticamos aos poucos que ousan protestar. Coa nosa actitude o único que conseguemos é amosarlles a esta patulea que aínda teñen máis marxe para seguir espreméndonos. Só o cambio da nosa actitude poderá modificar a súa. 

12 de setembro de 2013

Conxelados

O goberno conxelará, con case toda segudiade, os salarios dos empregados públicos o ano 2014, segundo a prensa económica. Novamente, o PP atopa o xeito máis doado para intentar reducir o déficit público, aínda que non o conseguira ningún ano por culpa da falla de ingresos, achacable tamén á redución do gasto dos recortados, entre outros.
Tamén se fala da recuperación de moscosos, pero non sería nada raro que simplemente se trate de que, o ano que ven, hai máis moscosos pola sinxela razón de que hai máis festivos que cadran en sábado. Habendo tanto mentirán, non sería raro que quisexen coar estes días como "novos moscosos".
É hora de reflexionar de se esta nova conxelación non terá nada que ver coa actitude branda e submisa da maioría dos empregados públicos cando nos enfrontamos timidamente ás anteriores conxelacións. Son mentiráns, pero non parvos, e consideran que aínda teñen marxe para seguir apretando. Só un cambio da nosa actitude poderá frealos.

5 de setembro de 2013

Novo borrador da orde de horarios

A Xunta presentou un borrador novo da orde de horarios e xornada, que presenta novidades co coñecido anteriormente. Para coñecer o borrador podedes picar aquí.
 As notas máis salientables son: 
  • Establécense dous tipos de xornada: 37,5 horas como semana laboral ordinaria e 40 horas para o persoal que teña especial dedicación.
  • Consta tamén que haberá xornada de verán entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, aínda que sen especificar máis.
 Sobre o horario flexible:

3 de setembro de 2013

Recorte salvaxe ás pensións. Pensionistas de primeira e de segunda

A ministra de emprego, Fátima Báñez, anunciou o comezo das negociacións do novo sistema de pensións. Este novo sistema, baseado no célebre informe dos expertos, establecerá, a maiores das modificacións no cálculo para fixar a pensión inicial, que suporá un recorte na maioría dos casos, un índice de revaloración para as novas pensións baseado en cuestións coma a esperanza de vida, o número de pensionistas ou os ingresos da propia Seguridade Social. Se temos en conta que, nos próximos anos, xubilaráse a xeneración da explosión demográfica dos anos 50 e 60, xa podemos decatarnos do que se nos ven enriba.
O máis perverso do paln gubernamental é a diferenzación entre os pensionistas actuais e os pensionistas do futuro, intentandop asegurarse o apio daqueles que xa agora están xubilados. Este proxecto é unha discriminación intolerable e merece unha resposata contundente: as necesidades dos xubilados non son inferiores por se xubilar antes ou despois dunha data determinada e rebaixar as pensións dos novos é unha canallada só propia de miserables como os que agora están no goberno, só comparable aos palmeiros que, desde os ámbitos económicos e de medios de comunicación empuxan e aplauden as medidas.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo