28 de decembro de 2018

Cambios na Lei de Emprego Público

O DOG de hoxe ven de publicar a Lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2019. Esta lei modifica outras varias, entre elas a lei de emprego público de Galicia. Entre outras modificacións, cabe salientar a eliminación, por fin, dos descontos en caso de enfermidade do empregado público, que pasará a cobrar, desde o primeiro día, o 100 % das retribucións do mes de inicio da incapacidade laboral. Por outro lado, o permiso por parto, adopción o acollemento, pasa a ser de vinte e dúas semanas, aumentando as actuais.

27 de decembro de 2018

Salario Mínimo Interprofesional


Hoxe publica o BOE o Real Decreto sobre o Salario Mínimo Interprofesional do ano 2019. establécese en 900 euros mensuais (14 pagas ao ano) ou 30 euros diarios.
Para os traballadores non afectados directamente polo importe do SMI, o incremento ten a importancia de que as retencións xudiciais están referidas a este SMI, que é inembargable, así que os afectados por estas retencións deberían ver minoradas estas a partir de xaneiro.

A suba do ano 2019

O BOE de hoxe publica a disposición que marca a suba salarial do próximo ano, entre outras cousas. Segundo esta disposición, no ano 2019 as retribucións dos empregados públicos terán un incremento do 2,25 % sobre as de decembro de 2018. Ademáis poderá haber un incremento adicional, a partir de xullo, se o IPC se incrementa segundo a táboa seguinte:

  • PIB igual a 2,1: 0,05 %. 
  • PIB igual a 2,2: 0,10 %. 
  • PIB igual a 2,3: 0,15 %. 
  • PIB igual a 2,4: 0,20 %.
  • PIB igual a 2,5: 0,25 %.
Con este incremento, é probable que recuperemos parte do poder de compra perdido nos últimos anos, pero é claramente insuficiente. A este ritmo (que probablemente non se dará), tardaremos 20 anos en recuperar o perdido. Hai que ter en conta que, cando os recortes, non tiveron escrúpulos en facelos de golpe e todo xunto, mentras que na recuperación o ritmo é de pasiño a pasiño.

17 de decembro de 2018

A Oferta de Emprego Público da Xunta, unha nova tomadura de pelo de Feijóo

Publícase hoxe no DOG a oferta de emprego público da Xunta correspondente ao ano 2018. Novamente, o aparello propagandístico do goberno de Feijóo volve facer das súas e nos queren vender como extraordinaria unha oferta de emprego casi inexistente e que non suporá máis que un deterioramento aínda máis profundo dos servizos públicos.
Para Feijóo e a prensa amiga, a oferta de emprego consiste na convocatoria de 2.225 prazas públicas, pero non fai falta ser ningunha lumbrera para, lendo polo miúdo o decreto, decatarse que non é máis que unha nova mentira de don Alberto.
Das 2.225 prazas, somentes 502 son de acceso libre, quedando o resto para procesos de estabilización, procesos de consolidación de persoal indefinido non fixo e promoción interna, tanto de persoal funcionario como laboral.
Non imos nós a manifestarnos contrarios á solución dos problemas de colectivos que levan anos nunha situación de indefinición e inestabilidade laboral, pero o que non podemos admitir é que se presenten prazas para estes colectivos como se fosen novas prazas, cando, en realidade, é persoal que xa está prestando servizos na Administración Autonómica.
As 502 prazas que se convocan realmente como novas son ridículas e non cubre a natural diminución vexetativa ocasionada polas xubilacións e falecementos entre o persoal da Xunta. Continuaremos pois, sen recuperar os niveis de emprego de antes da crise-estafa e voltaremos ver milleiros de persoas ilusionadas enchendo academias e pagando taxas sen posibilidades reais de conseguir un emprego público.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo