27 de maio de 2008

Oferta de emprego público (Decreto 88/2008) ou "de como nos toman por parvos"

Foi presentada “aos catro ventos” pola Administración da Xunta de Galicia e os sindicatos asinantes do acordo, nada menos que 3283 prazas.

Pero analicemos punto por punto esta tomadura de pelo:

I.- Persoal de novo ingreso (Artigo 5º e Anexo):
Administración Xeral (Corpos xerais 330, Escalas 7): 337
Administración Especial (Veterinarios): 48
Persoal laboral (Prazas sen convocar da OEP de 2007) 73
Total: 458 prazas de novo ingreso. Destas, 73 pertencen á oferta do 2007 e, por tanto se contabilizan por segunda vez.

A CGT denuncia a manipulación das cifras:
As prazas de novo ingreso da OEP de 2008 son só 385

II.- Promoción interna para o persoal funcionario (Art. 6º):
- Apartado 2: establece que o persoal do corpo auxiliar (C2) poderá participar nos procesos de promoción interna para o corpo administrativo (C1) sen necesidade de cumprir o requisito de titulación se acredita 10 anos de antigüidade no corpo auxiliar.
- Apartado 3: establece que aos que superen o proceso se lles adxudicará destino no mesmo posto que viñan desempeñando (ben por estar aberto ao grupo de titulación ao que se acceda, ben pola reclasificación do dito posto), coa excepción dos que accedan ao grupo C2.

A CGT reivindica:
- Que o requisito da titulación poida ser substituído por 10 anos de antigüidade para participar en todos os procesos de promoción interna ao grupo inmediatamente superior (A1, A2, C1 e C2) e non só do grupo C2 ao C1.
- Que quen posúa a titulación requirida e a antigüidade mínima de 2 anos poida participar nos procesos de promoción interna a calquera grupo (un auxiliar que acredite unha licenciatura poida participar na promoción interna ao grupo A1 ou A2, por exemplo). Isto xa ocorre na administración sanitaria.
- Que se reclasifiquen os postos daqueles compañeiros que superaron procesos anteriores de promoción interna e que optaron pola excedencia nos postos obtidos, pois aceptalos implicaba un cambio de localidade.
- Que a reclasificación (mesma dirección provincial) dos postos se lles aplique tamén aos compañeiros que acceda por promoción interna ao grupo C2 (é dicir, aos subalternos), aos que o apartado 3 exclúe expresamente desa posibilidade.

A CIG na súa resposta ao escrito “O dislate da administración cos funcionarios” di a verdade ao afirmar que o grupo E foi vendido polos asinantes do Estatuto Básico do Empregado Público, pero oculta que agora volveu a ser vendido polos asinantes deste acordo, CIG incluída, pois exclúe expresamente da reclasificación do posto que ocupan a quen promocione ao grupo C2 (os subalternos), 170 prazas das 435 que se ofertan por promoción interna.

III.- Proceso de promoción para a consolidación de grao persoal (Art. 7º)
Establécese a convocatoria de 100 "prazas" para que o persoal de corpo administrativo poda consolidar dous niveis superiores ao grao que teña consolidado, previa superación dunha proba informática. Iso si, a consolidación “penalízase” con dous anos sen poder promocionar ao corpo de xestión.

A CGT reivindica que a posibilidade da consolidación de grao se aplique a todos os grupos cos mesmos requisitos que para o grupo administrativo, coa excepción da proba, que sería distinta para cada grupo. Sobre a “penalización”, considerámola un sensentido. Ao mesmo tempo, as 100 “prazas” ofertadas deberían ser un mínimo e consideramos que todo o que supere a proba debería ter a posibilidade de consolidación, en todos os grupos e non só no C1. Hai que lembrar que non estamos a falar da creación de prazas, senón dunha consolidación de grao.

IV.- Substitución de emprego temporal por emprego fixo (Art. 9)
Este artigo establece a convocatoria de procesos extraordinarios para dar a oportunidade ao persoal interino e laboral temporal de adquirir a condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo respectivamente.

A CGT foi e é contraria ao emprego en precario, e iso é o que é a temporalidade ou o interinaxe; pero esta precariedade non pode solucionarse a costa das expectativas de promoción dos traballadores que superaron un proceso selectivo nin do incumprimento do principio de igualdade no acceso ao emprego público con esta convocatoria está a permitir.

Reivindicamos que a estas convocatorias extraordinarias “de consolidación e estabilización” poidan concorrer, en iguais condicións que interinos e temporais, os funcionarios de carreira e o persoal laboral fixo que acredite 4 anos de antigüidade, se se trata de acceder ao grupo inmediatamente superior, e ese mesmo período e a titulación requerida se se trata de acceder a calquera outro grupo.

V.- Procesos de funcionarización (Art. 10)
A CGT reivindica a figura única do empregado público: libre mobilidade entre postos de laborais ou de funcionarios a través dos sistemas xa existentes (concursos de provisión de postos e procesos de promoción interna). Non é necesario “inventar” nada.

A CGT está a realizar unha campaña en contra desta OEP coas reivindicacións que se recollen neste escrito. Por isto, quen queira adherirse, opinar ou deixar algunha reflexión, pode facelo no noso correo electrónico: xunta [arroba] cgtgalicia [punto] org

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo