22 de febreiro de 2013

A falta de pan...

O gabinete propagandístico de Feijóo segue facendo o seu traballo. A falta de boas noticias no eido económico, laboral ou social, de cando en vez lle dan á prensa informes de todo tipo para amosar as bondades da súa administración. Neste caso, trátase do índice de absentismo do persoal da Xunta de Galicia que, segundo o último informe, baixou nun 25% nos últimos meses, grazas, como non! á xestión do presidente.
Pouco importa que esta redución sexa pola imperiosa necesidade de levar un soldo para casa, ou que as baixas que había antes -e que se presentan como se fosen  fraudulentas- fosen asinadas por médicos colexiados, ou que as oficinas se vexan cheas de persoal enfermo que se negan a ir para casa porque non poden permitirse unha merma nas retribucións.
Pouco importa tamén que o aforro non foi provocado pola redución do número de baixas senón por non pagar o soldo das baixas que se veñen producindo. O que importa é que se reduciron as baixas e que a xestión é marabillosa.

Pois non, señor Feijóo, a redución por este camiño non é unha boa noticia, senón unha simple demostración de que vostede non ten ningún escrúpulo para presentar como éxito incluso o que non é máis que un recorte de dereitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo