9 de maio de 2013

O incerto futuro das pensións

O chamado "Comité de Sabios" encargado de facer un estudo de como se van baixar as pensións -disto e non doutra cousa se trata cando se fala da "sostenibilidade do sistema"- teñen os traballos bastante adiantados. A idea é que, no mes de xuño, se teña establecido para presentar no Pacto de Toledo o chamado "factor de sostibilidade", a partir do cal non só se fixaría a contía inicial das pensións, senón tamén a súa revalorización.
Este "Comité de Sabios", entre as alternativas que barallan, está estudando o establecemento da contía inicial non só como consecuencia das cotizacións ou da idade de xubilación, senón tamén da esperanza de vida. Non temos que recordar que a esperanza de vida non é un criterio científico senón un índice facilmente manipulablo polo goberno de turno, moito máis se del depende algo tam importante como a fixación das pensións. Por outra banda, cando inevitablemente volva baixar a esperanza de vida pola consecuencia dos recortes e da propia miseria das pensións, volverán a incrementarse as contías destas? Rizando o rizo, converterase a diminución da esperanza de vida nun obxectivo social non declarado?

A outra medida que se estuda implementar é a de desvencellar a revisión das pensións do IPC, establecendo unha revisión que teña que ver coa evolución dos salarios. Esta idea é dobremente inxusta, porque precisamente a evolución dos salarios inflúe decisivamente na contía da pensión a través da cotización, que é proporcional ao salario! Segundo isto, nunha situación como a actual, na que os salarios están baixando, as pensións non só se conxelarían senón que baixarían.
En definitiva, isto é o que está estudando o "Comité de Sabios", elexido polo goberno co único obxectivo de baixar as pensións. Quen pense que a súa "sabiduría" ten algo que ver coa mellora do sistema é, simplemente, un iluso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo