23 de outubro de 2012

As marabillas da estatística: cada vez hai menos pobres

O Instituto Nacional de Estatística ven de publicar a Enquisa de Condicións de Vida do ano 2012. Neste documento podemos observar algunhas circustancias, como é a diminución dos ingresos medios anuais no ano 2011 nun 1,9%. Nembargantes, o dato máis curioso é o da poboación en risco de pobreza, que pasa do 21,8% en 2011 a 21,1% no ano 2012. E por qué misteriosa circunstancia se dá esta situación? Pois moi fácil: porque baixou o umbral de pobreza, que é a mediana dos ingresos. Temos menos ingresos, ergo hai menos pobres cada ano que pasa. Esta metodoloxía, presuntamente científica, pode acabar derivando en que en España haxa menos pobres que en Etiopía ou en Haití, por exemplo.

De todos xeitos,  é interesante ver como o 26% dos menores de 16 anos están en risco de pobreza, que  o mesmo pasa co 36% dos parados ou co 49% dos estranxeiros.
Tamén nos di o estudo que casi o 13% dos fogares chega a fin de mes con moita dificultade, que o 45% non pode tomar unha semana de vacacións, o 40% non pode afrontar gastos imprevistos e máis do 7% ten retrasos no pagamento de recibos relacionados coa vivenda (hipoteca, aluguer, gas, electricidade, comunidade). Todos estes datos son superiores ao ano pasado.
En definitiva, uns datos arrepiantes. Pero, segundo a ciencia estatística, con menos pobres.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo