19 de marzo de 2012

29 de marzo, folga xeral! Manifesto da CGT de Galicia

A Confederación Xeral do Traballo (CGT) de Galicia convoca Folga Xeral o 29 de marzo de 2012 para defender os dereitos laborais, económicos e sociais da clase traballadora fronte á brutal agresión que estamos a sufrir.
O goberno, como os anteriores, actúa, con absoluta desvergoña e cinismo, como axente local e garante dos intereses do capitalismo internacional, europeo e nacional máis destructivo, poñendo a súa disposición todo o aparato do Estado e o monopolio da violencia que vai exercer.
Coas súas decisións –Decreto da Reforma Laboral, recorte nos gastos sociais e inversións públicas, ameaza ós servicios sociais básicos, reduccións salariais, desmerecemento da negociación colectiva, etc- amosan que so os move o afán de perpetuar o inxusto réxime económico e político no que os ricos fanse cada día máis ricos a costa de expandir o paro, a pobreza e a desolación por todas partes.

POLO DEREITO Ó TRABALLO:
Folga Xeral contra o paro, a precariedade e a exclusión social.

Máis de cinco millóns de persoas están en paro (o 23% da poboación activa e o 50% dos xóvenes) e un millón trescentas mil non perciben ningunha prestación.
A Reforma Laboral, facilitando e abaratando o despido e aumentando a explotación laboral (maior xornada, piares condicións de traballo, salarios máis baixos, coacción á solidariedade dos traballadores, etc), aínda vai agravar máis esta situación. É o mesmo goberno quen anuncia que a finais de ano haberá máis de seis millóns de parados e case un tercio da poboación vivirá por debaixo do umbral da pobreza, en risco de exclusión social.

POLOS DEREITOS ECONÓMICOS, LABORAIS E SOCIAIS:
Folga Xeral contra o Despido libre, gratuíto e á vontade da patronal. Pola nulidadedos despidos sen causa ou con causa falsa.

A nova Reforma Laboral fai que as relacións laborais na empresa pasen a ser relacións de servidume, nas que o empresario será o amo e o traballador, mercancía servil. Os empresarios, poderán despedir libre e impunemente ós traballadores, é dicir, sen causa ou con causa falsa e, ademais, sen apenas custe xa que as indemnizacións, en case que tódolos casos, quedan reducidas a 20 días por ano de antigüidade na empresa cun máximo de unha anualidade. Poderá haber despidos colectivos (ERE) sen que sexa necesario o permiso da autoridade laboral.
Aparece un novo contrato “de traballo” de ata un ano de duración, con despido libre, gratuíto e a capricho do empresario, sen outro dereito para o traballador que o de someterse, si ou si, á explotación máis humillante. Refórzase o papel das empresas dedicadas ó prestamismo laboral (ETT’s).

POLO DEREITO Á NEGOCIACIÓN COLECTIVA:
Folga Xeral pola derrogación da nova Reforma Laboral.

Esta Reforma Laboral –continuación agravada de tódalas anteriores- impón unha avalancha de recortes que van empobrecer de xeito extraordinario ó conxunto social, ó vulnerar na práctica o dereito á sindicación e á liberdade sindical.
Coa Reforma Laboral lamínase a negociación colectiva ó deixar sen efecto a forza vinculante dos convenios sectoriais e darlle prioridade ós convenios de empresa, que poden fi xar condicións laborais, sociais e económicas por debaixo das establecidas no convenio sectorial. Ademais, as condicións do convenio vixente quedarán automaticamente anuladas para o seguinte convenio se é que a patronal se nega a firmar un novo no prazo de dous anos.
Tamén queda á vontade exclusiva do empresario: o endurecemento das sancións por suposto absentismo, a mobilidade xeográfica e funcional, as modificacións da xornada, rebaixar o salario ou incumprir o convenio con tal de ampararse en escusas de contabilidade.

POLOS SERVIZOS PÚBLICOS E O DISFRUTE COLECTIVO DOS BENS E DA RIQUEZA CONSTRUIDOS SOCIALMENTE:
Folga Xeral contra o desmantelamento da Seguridade Social e a privatización dos servizos e patrimonio públicos.

Mentres seguen a aumentar os benefi cios da banca e dos grandes empresarios e os privilexios
da clase política, pretenden facer recaer sobre o conxunto social a responsabilidade efectiva dunha
crise que foi provocada por eles mesmos.
Impoñen recortes nos servizos sociais básicos (saúde, educación, vivenda …) e destrúen a cohesión e a solidariedade social co argumento de que é necesario facelo en “tempo de crise”.
Mais, necesario?, Para qué?, Para quén?, Por qué? … Cándo tivemos os traballadores cubertas satisfactoriamente as nosas necesidades e disfrutamos do noso dereito á saúde, ó alimento, á educación, a un ambiente san ou á vivenda? Desmantelan e levan á quebra á Seguridade Social ó reducir sistematicamente a aportación dos empresarios coa escusa de fomentar a contratación “basura” e alentar o escravismo laboral.
Esta é a núa realidade que estamos a vivir, na que o Capital e o Estado –os dous da man, como sempre!- se xuntaron contra os traballadores e contra o conxunto da sociedade.

COA NOSA LOITA, NON O HAN DE CONSEGUIR!

Esta situación tan inxusta non vai cambiar –máis ben se vai agravar a moi curto prazo- se os traballadores non alzamos a voz para denunciala e non nos mobilizamos contra a Reforma Laboral e a lexislación antisocial aprobada nos últimos meses, ata a súa completa derrogación.
Con estes obxectivos, a CGT de Galicia convoca Folga Xeral o 29 de marzo. E xa anunciamos que a loita continuará ata conseguir darlle un xiro radical á situación, pois sabemos moi ben que a única garantía para evitar o desmantelamento dos dereitos sociais, laborais e económicos está na mobilización xeral, ampla e firmemente levada a cabo pola clase traballadora.

29 de marzo, FOLGA XERAL!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo