28 de outubro de 2011

Pola abstención activa e consciente

O 20 de novembro están convocadas eleccións xerais políticas para decidir a composición do Parlamento e goberno españois nos próximos catro anos. Unha vez máis, a clase política pídenos que sexamos cómplices coa súa servidume aos intereses do capitalismo e, con el, acatemos o inxusto réxime social e político vixente.

Tras máis de trinta anos de eleccións políticas e gobernos de diferentes pelaxes, o resultado para os traballadores non veu sendo outro que a perda constante de dereitos e conquistas sociais, unha e outra vez acernadas polas sucesivas reformas laborais, decretazos e axustes: despedimento libre e barato, precariedade e temporalidade no emprego, sometemento dos traballadores á vontade dos empresarios, recortes de pensións, lexislación laboral ao servizo dos intereses da patronal…


Estas reformas, que non tivesen sido posibles sen a complicidade do sindicalismo institucionalizado, trouxéronnos á realidade actual: máis de cinco millóns de traballadores no paro; case dous millóns de familias con todos os seus membros sen traballo e condenadas á miseria e exclusión social; centos de miles de persoas perderon xa as súas vivendas; 13 millóns de traballadores teñen ingresos anuais inferiores aos 12.000 euros; conxelación das pensións; posta en mans privadas e espolio do patrimonio de todos; recorte dos servizos públicos esenciais como sanidade e educación, e agresión salvaxe á natureza e medio e á saúde das persoas.

Ante esta situación, a CGT de Galicia non colaborará nin será partícipe da farsa programada para o 20 de novembro. Propugna a abstención activa fronte ás eleccións políticas e a mobilización social fronte ás inxustizas.

Xa a CGT no seu último Congreso celebrado en Málaga dicía nos seus acordos que as raíces desta inxusta situación son “… o autoritarismo (na actualidade basicamente representado pola organización estatal) e a usurpación privada da riqueza socialmente producida (actualmente representada polo capitalismo). Ambos os dous factores -a organización estatal e o capitalismo- aparecen cada vez como a mesma cousa. Gobernos e capital son xa o mesmo. Os gobernos xestionan localmente os intereses do capital nos seus ámbitos respectivos e o capitalismo válese da estrutura dos estados para perpetuarse, é dicir, para sobrevivirse como inxustiza e desastre globais. Sen a supresión desas dúas poderosas forzas, ambas as dúas antagónicas da humanidade, non é posible outro mundo que o da inxustiza totalizadora e a explotación global. “

En consonancia co anterior e no absoluto convencemento de que a clase política, en cumprimento da súa función servil, non ten intención nin a máis mínima posibilidade de facer algo que pague a pena a favor da xustiza e a igualdade social, de facer algo que non sexa o que lle está mandado facer, a CGT defende que é a mobilización social e, en particular, a dos traballadores o único axente capaz de transformar esta sociedade en algo merecente de ser vivido con dignidade.

Tamén a CGT no seu Congreso de Málaga manifestou que “O Dereito e as leis do Estado non son unha ferramenta efectiva de liberdade e emancipación social, que as e os traballadores e a sociedade poidan usar conveniencia. Ao contrario, son ferramentas en mans do poder para impoñer a súa lei.“. Polo que, enfrontados hoxe á necesidade de facer algo para cambiar a situación, hai moitas cousas mellores e máis produtivas que facer que ir a votar: soster a loita a favor dunha sociedade na que non caiban a explotación do home polo home, a devastación da natureza ou a inxustiza social.

Por todo iso, a CGT de Galicia fai un chamamento aos seus afiliados e simpatizantes, á clase traballadora e á cidadanía en xeral para que manifesten a súa desafección e rexeitamento ao sistema imperante e á insostible situación actual mediante a abstención consciente e activa nas eleccións xerais do 20 de novembro.

Secretariado Permanente da CGT de Galicia, outubro de 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo