29 de maio de 2009

Fondo de Acción Social 2008

Publícanse hoxe no DOG as resolucións que fixan os criterios, a convocatoria e os prazos para o reparto do Fondo de Acción Social do ano 2008. Non hai novidades salientables

18 de maio de 2009

Modificado o decreto da oferta de emprego público para o ano 2008

Tan ben fixeron o traballo os anteriores que lles deu tempo aos novos a modificar o decreto polo que se aprobou a oferta de emprego público do ano 2008 (e xa estamos en maio de 2009!). De entrada, non parece que haxa nada prexudicial, pero estaremos atentos.

7 de maio de 2009

Expedientes disciplinarios de veterinarios en Vigo

O Sindicato de Administración Pública da CGT (Confederación Xeral do Traballo) con representación na Xunta de Persoal Funcionario da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, quere denunciar públicamente a situación que se está a padecer no Servizo de Inspección Veterinaria de Vigo como consecuencia da actuación do Xefe de Zona, Bernardo Nores Blanco e o Xefe de Servizo, Alejandro González-Carrero López, amparados polo ata hai ben pouco agora Delegado Provincial da Consellería de Sanidade e, o máis grave, pola propia antiga Secretaria Xeral da Consellería do anterior bipartito. Esta situación, que se concreta na apertura de sete expedientes disciplinarios por falla grave (máis do 30% do persoal da zona de Vigo está expedientado), atenta gravemente contra os dereitos que como traballadores teñen os compañeiros expedientados, dos que se dubida pública e privadamente da súa profesionalidade. Os expedientes, fundamentados nunha suposta desobediencia ás ordes directas dos superiores, agochan, en realidade, unha incapacidade manifesta dos xefes para desenvolver o seu traballo, que debería consistir, principalmente, na coordinación e dirección dun servizo que ata a súa chegada funcionaba con normalidade.
Proba do deterioro do servizo e polo tanto da calidade e axilidade da función inspectora son as as propias palabras da Secretaria Xeral da Consellería de Sanidade que recoñeceu por escrito que a situación chegou a un punto no que o Xefe de Zona “debe comunicar con eles [os inspectores] case exclusivamente por escrito, o que lle resta unha grande cantidade de tempo no desempeño das funcións e tarefas propias da xefatura de Zona”.
Esta situación fixo que a Xunta de Persoal por unanimidade (CIG, CSI-CSIF, UGT, CGT e CC.OO.) e unha vez escoitadas as dúas partes, os traballadores e á anterior administración e de que incluso os propios Tribunais de Xustiza veñan de anular tres das sancións impostas a outros tanto inspectores expedientados, exixiu aos novos responsables do actual goberno autonómico (Secreatía Xeral da actual Consellería de Sanidade):
1.- A paralización inmediata de todos os expedientes en curso.
2.- A restitución moral a todos os compañeiros e compañeiras expedientados.
3.- O inmediato cesamento tanto do Xefe de Zona de Vigo Bernardo Nores Blanco e do Xefe de Servizo, Alejandro González-Carrero López.
4.- A apertura de investigacións para depurar responsabilidades sobre o posible acoso a que están sometidos estes expedientes.
De igual a Xunta de Persoal tamén denunciou estes feitos ao Defensor do Pobo para que poña freo a situación que aínda se está a vivir nos servizos veterinarios da zona de Vigo.
O Sindicato de Administración Pública da CGT quere facer público o seu apoio incondicional a todos os compañeiros expedientados na a todas accións, incluídas as xudiciais que leven adiante na restitución e defensa da súa dignidade profesional e persoal.

29 de abril de 2009

Primeiro de Maio

Este Primeiro de Maio, a CGT volve saír á rúa nunha situación aterradora para millóns de traballadores. A cifra de catro millóns de parados converte a situación de moitos en insostible. Coa vista posta nunha Folga Xeral, este sindicato celebrará manifestacións na Coruña e en Vigo. Animamos a acudir a todos os traballadores da administración pública a estes actos. A solidariedade é, agora máis que nunca, imprescindible.

22 de abril de 2009

Función Pública, para Facenda

No DOG de hoxe sae o Decreto que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e, sorpresa!, a Dirección Xeral de Función Pública pasa á Consellería de Facenda. Mala sinal é para os traballadores públicos que pasen a depender da Consellería dos cartos (e, en tempo de crise, da dos recortes); isto non nos fai esperar nada bo nos próximos anos no referente ás retribucións. Por outro lado, por qué a Consellería de Presidencia leva o apelido de Administracións Públicas? Misterios dos repartos políticos

13 de abril de 2009

Xa empezamos co de sempre

No Faro de Vigo aparecen unhas declaracións do deputado Pedro Puy, "man dereita do presidente electo" (cantas mans dereitas pode ter un home?) nas que fala de racionalizar e axilizar a xestión, reestruturando a distribución dos traballadores públicos para cubrir os departamentos nos que agora o cadro de persoal é escaso, sacándoos de onde sobran. Isto, que é fácil de dicir, supón que haberá que volver modificar as relacións de postos de traballo (moitas delas recién aprobadas), sin deixar á parte a obrigada modificación da Lei da Función Pública Galega, aprobada polo bipartito sen ter en conta o estatuto Básico do Empregado Público.

7 de abril de 2009

RRPPTTs

As modificacións das Relacións de Postos de Traballo das Consellerías de Pesca e de Educación aprobadas polo Consello da Xunta do día 26 de marzo son publicadas hoxe no DOG.
No caso da Consellería de Pesca, as modificacións céntranse no Servizo de Gardacostas (antes Servizo de Protección de Recursos), co engadido de que se clasifican como de libre designación dous postos de xefetura de servizo (Onde queda aquela vontade de eliminar as libres designacións destes postos?) utilizando a excepcionalidade que a Lei da Función Pública prevé e que xa denunciamos no seu momento como coadoiro.
No caso da Consellería de Educación, a modificación é, casi exclusivamente, para poñerlle a todo o persoal subalterno dos centros de ensino o "horario especial", como consecuencia do célebre "acordo" dos catro patacóns.
Morrer matando en cuestións de persoal. Eso sí, coa vida laboral asegurada para os altos cargos.

6 de abril de 2009

Nomeamento de persoal laboral fixo

Publícase hoxe no DOG a orde pola que se nomea persoal laboral fixo da Xunta aos aspirantes das categorías IV.033 (condutor de motobomba), V.14 (peón de incendios forestais) e V.9 (celador 2ª/vixilante de recursos naturais), segundo o establecido nas sentenzas 28/2004 e 242/2004 do contencioso administrativo. Hai un mes para o recurso de reposición e dous meses para ir directamente ao contencioso-administrativo.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo