10 de outubro de 2014

Agora o timo da produtividade

Nótase que estamos en período preelectoral e o goberno ven de anunciar a suposta fin dos recortes aos empregados públicos. Así, anúnciase o pagamento do 25 % da paga extraordinaria incautada no ano 2012 e o incremento da taxa de reposición.
Desde a CGT facémosvos un chamamento para que non vos deixedes enganar: vólvennos a conxelar as retribucións (dínnos que o IPC case non sube) e o ínclito Beteta, secretario das Administracións Públicas, anuncia a intención do goberno de propoñerlles aos sindicatos (xa sabedes, CCOO, UGT e CSIF) vencellar os salarios á produtividade.
Xa tiveron na Administración Central a experiencia do complemento de produtividade, que estaba en función do xefe de turno e se repartía piramidalmente (máis cartos para os de arriba e menos para os de abaixo), sen ter en conta para nada a produtividade.

Como se vai establecer a produtividade de milleiros de empregados públicos, cada un cun cometido totalmente distinto ao do resto? Como se van comparar actividades totalmente distintas e realizar valoracións ecuánimes e xustas?
Non vos deixedes enganar. Non imos cobrar máis, somentes fomentarán a envexa, o enfrentamento e a competencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo