O pasado día 11/02/2014, as organización sindicais CGT, CUT, SLG, STEG, S.E. e SF acordaron subscribir o seguinte manifesto e invitan a toda a sociedade galega a que se sume:
MARCHAS DA DIGNIDADE DO 22 DE MARZO
UNIFICAR AS LOITAS PARA A TRANSFORMACIÓN REAL
Ante a convocatoria das Marchas da Dignidade que converxerán en Madrid
o próximo 22 de marzo, as organizacións sindicais, sociais e cidadás de Galicia
asinantes, manifestamos o seguinte:
Apoiamos as Marchas ante o gravísimo deterioro das condicións de vida
do pobo, provocado porque os poderes financeiros e os seus lacaios, os
representantes políticos, están destruíndo as conquistas que tanto suor e mesmo
sangue custaron: empregos minimamente dignos, sanidade, educación, servizos
sociais básicos, prestacións por desemprego, cultura, vivenda, transportes
públicos, etc., están desaparecendo coa escusa dunha crise que é a coartada que
xustifica todo tipo de desmandos.
Por todo isto esiximos:
Se a isto lle engadimos as medidas represivas que están a levar a cabo
contra os dereitos de manifestación, folga ou expresión de todo aquel que se
lles enfronte con decisión, o panorama non pode ser máis desolador.
Tras a nefasta Reforma Laboral que sementa dor por todas partes, na
actualidade pretenden aprobar leis profundamente autoritarias e retrógradas: a
lei de Seguridade Cidadá e a Lei do aborto son unha mostra disto. Todos seremos
posibles obxectivos desta lexislación, que deixa nas mans do poder político e
do empresariado unha patente de corso para actuar con total impunidade. Toda
unha batería de medidas reaccionarias que atenta contra nós, como cidadáns e
que nos nega como País.
Acusamos aos poderes políticos e empresarias, e tamén ao FMI, á UE, ao
BCE, cómplices da voracidade capitalista, de:
- Que no estado español haxa fame e desnutrición infantil.
- Que haxa 12,5 millóns de pobres, con menos de 7.040 euros anuais.
- Que haxa seis millóns de persoas no paro.
- Que se reduzan drasticamente os salarios.
- Que se eliminen os dereitos laborais básicos, coma a xornada, a categoría ou os contratos dignos.
- Que se conxelen e reduzan as pensións fronte o IPC.
- Que se reprima selectivamente a sindicalistas e activistas sociais, así como as súas organizacións.
- Que se expulse a milleiros de persoas das súas vivendas.
- Que se lles negue a asistencia sanitaria a millóns de persoas.
- Que se condene a milleiros de xoves á emigración.
- Que se lle entregue a natureza á voracidade depredadora do capital, destruíndo o medio e o futuro.
- Que se destrua sistemáticamente a economía agraria e pesqueira.
- Que se practiquen políticas xenófonas e inhumanas cos inmigrantes.
Por iso, mobilizámonos para:
- Dicirlles aos poderosos que xa abonda de nos roubar: empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna.
- Berrarlles nos seus pazos, sexa o Congreso, o Pazo de Raxoi, a Zarzuela ou A Moncloa, ou as mansións dos banqueiros, que xa abonda de espoliar os nosos dereitos básicos: a liberdade sindical, a liberdade de expresión, a liberdade de folga, a liberdade de opoñernos firmemente ás súas falcatruadas.
- Enfrontármonos aos seus desafiuzamentos das nosas vivendas e dos nosos traballos, deixándonos sen presente nin futuro.
- Combater radicalmente ao seu sistema corrupto, xerador de desigualdades abismais e inxustiza social.
- Non aceptar o seu concepto de débeda, que pretende atraparnos para sempre.
- Reivindicar e esixir unha sociedade xusta e igualitaria para termos unha existencia merecente de ser vivida.
Por todo isto esiximos:
- A restitución ao pobo dos millóns entregados ao poder financeiro.
- Derrogación da lexislación laboral e de pensións que tanto dor teñen espallado entre os traballadores.
- Reversión das medidas destrutoras dos servizos públicos, tanto en sanidade como en educación, en transportes e en enerxía.
- Contratos fixos e salarios suficientes para ter una existencia digna.
- Redución da semana laboral a 30 horas, para poder traballar todos e todas.
- Fixación de salarios e pensións mínimos en contía suficiente que permita unha digna independencia económica dos seus perceptores.
- Incautación das empresas de sectores esenciais para a vida (enerxía, auga...), así como a reversión das privatizacións dos transportes públicos (ferrocarrís, transporte público urbano, correos…) e dos servizos sociais e sanitarios.
- Dereito á vivenda digna inembargable.
- Dereito á libre decisión sobre a saúde sexual e reprodutiva, incluído o aborto con carácter libre e gratuíto.
- A retirada da Lei Mordaza e da prevista Lei contra a folga.
- A promulgación de políticas racionais para o nosa agricultura e o noso medio ambiente.
VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA E OS SECTORES POPULARES!
VIVA O POBO EN MOVEMENTO!
BASTA XA DE REPRESIÓN!
CONTRA O CAPITAL E OS SEUS LACAIOS!
Ningún comentario:
Publicar un comentario