Os sindicatos alternativos abaixo asinantes facemos pública
a nosa valoración ao respecto da mobilización convocada pola CIG para o 19 de xuño.
Primeiro: os sindicatos asinantes hai anos que mantemos unha
posición consensuada, froito dos debates conxuntos, pero en pé de igualdade,
sobre a necesidade da convocatoria dunha folga xeral. No entanto concluímos que
a convocatoria da CIG non reúne as condicións e as garantías necesarias para
ser catalogada coma tal polo seguinte:
Unha folga xeral debe ser convocada por unha demanda social
que loxicamente inclúa un traballo previo de contactos entre organizacións
sindicais, colectivos, plataformas e movementos sociais; non poden, polo tanto,
obedecer a decisións dunha parte que substraia a vontade da totalidade. Neste
caso a folga deixa de seren un instrumento da clase traballadora para se
converter no instrumento dunhas siglas.
Se a vontade da convocatoria está en paralizar o país e os
sectores produtivos, que é o obxectivo dunha convocatoria de folga, a
mobilización da CIG non reúne esas condicións pois pretende que non haxa
convocatoria conxunta de todos os sindicatos, nin manifestación conxunta, nin
en definitiva traballo previo conxunto pois xa determinaron todas as
condicionantes de como debe ser esta mobilización (que chaman folga) sen contar
con ninguén.
Segundo: as condicións obxectivas para convocar unha folga
son evidentes, hoxe igual que hai varios anos, pero as condicións subxectivas
non o son. En todo caso, estas últimas, requiren un esforzo pedagóxico que
dificilmente pode darse convocando unha mobilización o 1 de maio de cara ao 19
de xuño. Sen abondar máis en que non se contou co resto de forzas sindicais
para facelo, hai escasa marxe para informar e mobilizar os centros de traballo.
Isto fai que, os sindicatos alternativos, entendamos que esta convocatoria
semella ter máis que nada a intención de facer unha manifestación ese día e non
parar o país.
Terceiro: para nós, a folga é un instrumento de loita para
dar un salto cara adiante, unha mobilización mal convocada, igual que unha
folga mal convocada, pode converterse en nefasta para os intereses do pobo e da
clase traballadora, pode ser incluso antisindical.
Cuarto: non imos secundar a convocatoria da CIG, do mesmo
xeito que tampouco imos traballar na súa contra. Agardamos que nun futuro
poidamos chegar a unha convocatoria conxunta na que o importante sexa a clase
traballadora e non as siglas.
Quinto: mentres, seguiremos denunciando que ante a presión
do capital e do patriarcado (precariedade, pensións, privatizacións do público,
discriminación de xénero…) só cabe un camiño, que non é outro que a unión de
todas estas loitas e o esquecemento dos réditos particulares.
En Compostela,a 24 de
maio de 2018
CUT – CGT – STEG – SF – SE - SAGAP
Ningún comentario:
Publicar un comentario