10 de novembro de 2009

O mundo ao revés

Agora resulta que o caso das filtracións dos exercicios das oposicións para entrar nos grupos C1 e C2 se soluciona votando aos sospeitosos fóra do proceso e deixando ao tribunal (o encargado da custodia dos exames) limpo de po e palla. Con esta solución, o que a Xunta consegue é acalar as protestas, pero permite que os implicados poidan gañar nun contencioso (a falta de probas) a praza á que optaban.

Por outro lado está o do novo sistema para evitar trampas en oposicións. A solución non está nos mecanismos de custodia, senón no combate da corrupción: sexa cal sexa o sistema, sempre haberá posibilidade práctica de facerse co exame e só a honradez dos membros do tribunal poden evitar o problema.

En canto á presencia dos sindicatos nos tribunais, non garanten a transparencia do proceso, senón que incluso poden xustificar ou avalar procesos irregulares. Tamén é necesario recordarlle a algúns que a elaboración dos exercicios é unha competencia do tribunal, así que o método aleatorio pode ser discutido por calquera no contencioso-administrativo, dado que deixaría aos membros do devandito tribunal como simples notarios e non como responsables do proceso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo