5 de decembro de 2007

SOLUCIÓNS PARA O PERSOAL NON DOCENTE DOS CENTROS DE ENSINO, XA!

Reproducimos aquí a nota difundia pola CGT de Vigo, de interese para todos:

"O inicio do curso escolar provoca todos os anos unha serie de conflitos en moitos centros educativos a consecuencia da indefinición das funcións do persoal non docente e dos abusos que moitos equipos directivos fan. Ao mesmo tempo, os procesos de descentralización das Escolas Oficiais de Idiomas están pasando, tamén, a supoñer novos abusos para o persoal non docente daqueles centros onde a actividade das escolas queda desprazada. Tanto as direccións dos centros como os diferentes responsables da Delegación de Educación ampáranse na falla dunha regulamentación das funcións que lle son propias aos diferentes grupos de persoal non docente que prestan o seus servizos nos centros de ensino.

Ante esta situación os sindicatos maioritarios (CIG, CSIF, UGT e CC.OO.) apostan por tentar conseguir un catálogo de funcións na Mesa Sectorial cos representantes da Consellería ou tentar solventar os problemas individuais que se van producindo. Pensamos que tanto unha como outra medida fuxen do problema fundamental: por unha banda, as irregularidades e abusos non son un problema individual e por outra, a situación é o suficientemente grave como para non agardar a esas hipotéticas negociacións, que ademais levan producíndose dende hai anos con nulos resultados, e nada indica que nesta ocasión sexa diferente.

En CGT, pensamos que independentemente deses intentos negociadores dos maioritarios e dos puntuais casos de solución individual hai que tentar darlle unha saída colectiva e urxente.

O camiño e dobre. En primeiro lugar é necesario que todo o persoal non docente dos centros educativos coñeza cal é a normativa actual respecto dos horarios e funcións, e en segundo lugar hai que continuar co camiño xa iniciado a principios de xullo deste ano cando dende a Xunta de Persoal iniciouse unha campaña, entre o persoal non docente, de recollida de apoios para reivindicar o cese das irregularidades.

Dende o Sindicato de Administración Pública da CGT vimos de defender na Xunta de Persoal que as solicitudes apoiando estas reivindicación deben ser empregadas para presionar á Administración e non para encher un caixón como ata agora ocorre.

Polo que respecta ao coñecemento normativo de seguido relatamos o que di a normativa actual sobre horarios e funcións que pensamos pode ser de interés:

HORARIOS.

- O Acordo do Consello da Xunta de 6 de febreiro de 1990 establece con carácter xeral para todos os funcionarios da Administración Xeral o horario de 7:45 a 15:15 de luns a venres.
- Na sentenza 288/2004 do Tribunal de Xustiza de Galiza resolveu que o horario de traballo é un elemento esencial da relación laboral dos funcionarios públicos, que as xornadas de traballo especiais deben establecerse cunha negociación cos representantes sindicais dos funcionarios/as, e o seu establecemento esixe a reforma das RPTs.
- Como consecuencia desta sentenza o Conselleiro da Presidencia remitiu un escrito o 21 de outubro de 2004 a todas as delegacións provinciais onde se comunicaba que o horario que deberá cumprir todo o persoal funcionario e laboral das distintas Consellerías da Xunta é de 7:45 a 15:15 agás os casos dos funcionarios que teñan horario especial recoñecido e recollido nas respectivas RPTs.
- Para rematar, o Estatuto Básico do Empregado Público (Lei 7/2007 do 12 de abril) establece a obrigatoriedade de que as Administración públicas establezan os horarios xerais e especiais dos funcionarios, e que estés son materias de negociación colectiva (art.37).

Resumindo, agás naqueles casos onde o persoal non docente chegou a acordos particulares coas direccións dos centros, o horario é de 7:45 a 15:15. En caso da existencia de horario diferentes estes deberán ser negociados cos representantes do persoal e recollidos nas RPTs. Ben é certo que na Orde do 2 setembro de 1997 da Consellería de Educación establécese no punto 110 que a haberá xornada continuada ou partida dependendo das necesidades de cada centro. Non obstante, esta orde a tenor da sentenza 288/2004 e do Estatuto Básico non debería ter efectividade.

FUNCIÓNS.

- As funcións xerais do persoal administrativo e subalterno veñen definidas na Disposición Adicional 1ª da Lei 4/1988 de 26 de maio da Función Pública de Galiza. Nela establécese:

  • O Corpo Auxiliar da Xunta realizará tarefas de taquigrafía, mecanografía, rexistro e despacho de correspondencia, cálculo e manexo de máquinas e outras funcións semellantes.
  • O Corpo Subalterno da Xunta desempeñará funcións ordinarias de vixiancia, custodia, reparto de correspondencia e documentación, transporte manual, centralita, reprografía e outras semellantes.

- Segundo o Decreto 324/1996 de 26 de xullo, artigo 99.d) correspondelle ao director a organización e reparto de responsabilidade non definidas na normativa vixente.

Así pois, non poden ser consideradas en nengún caso funcións do persoal non docente nos centros de ensino:

- Non corresponde ao persoal administrativo, tal e como está sucedendo nalgúns centros na actualidade, ter informados aos pais e nais sobre a falla de asistencia ou puntualidade dos alumnos/as. Xa está función está atribuída aos titores segundo consta no Decreto 324/1996 de 26 de xullo, artigo 59.
- Cubrir os documentos oficiais relativos ao alumnado (as notas, por exemplo), xa que esta función tamén está reservada aos titores (Decreto 324/1996 de 26 de xullo, artigo 59).
- Non corresponde ao persoal non docente atender ao alumnado nos recreos. Esta función tamén esta outorgada aos titores (Decreto 324/1996 de 26 de xullo, artigo 59).
- En nengún caso corresponde ao persoal non docente:

  • Atender ao alumnado cando non haxa profesor encargado.
  • Velar polo orde e bo funcionamento do centro nos corredores, entradas e saídas de clase.
  • Resolver calquera incidencia entre os alumnos que se produza durante a xornada lectiva.
    Todas estas tarefas son misión do profesor de garda segundo a Orde de 1 de agosto de 1997, artigo 106.
- Segundo a sentenza 305/1995 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non é competencia dos auxiliares administrativos cobrar taxas nen custodiar calquera tipo de fondo público. Esta función corresponde aos habilitados."

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo