13 de decembro de 2012

Patinazo da Plataforma

Onte celebrouse en Compostela unha reunión da Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos. A reunión era para concretar as mobilizacións -manifestacións e concentracións- que ían ter lugar o día 19 e que foran xa debatidas previamente entre CC.OO., UGT, CIG e CSIF. A CGT asistíu á reunión coa idea de seguir apoiando as mobilizacións, aínda que segue sen estar de acordo co protagonismo que estes sindicatos se arrogaron desde o principio.
Sen embargo, a política, coa forma da Alianza Social Galega, cruzouse no camiño da Plataforma e CC.OO., UGT e CIG propuxeron na reunión, ante a sorpresa xeralizada e o conseguinte rebumbio, que nos debíamos sumar ás mobilización que a Alianza tiña convocadas para o día 20, asumindo as súas reivindicacións e engadindo as dos empregados públicos.

O resultado desta proposta foi o previsible: hai organizacións na Plataforma que non están na Alianza e que a rexeitan directamente, como a CGT, así que era imposible que aceptasen que a Plataforma se convertise nunha comparsa da Alianza. Evidenciada esta circunstancia, adoptouse a resolución que supoñe un golpe durísimo á Plataforma e, cecáis, o seu certificado de defunción: aprazar as mobilizacións dos empregados públicos ata o mes de xaneiro.
A CGT continuará apoiando as mobilizacións do persoal dos servizos e empresas públicas, pero non ten intención de agardar ata xaneiro para seguir na loita, polo que seguirá promovendo as accións de xeito permanente, sen respiro para os poderosos. Cando a Plataforma teña a ben seguir na loita, a CGT estará alí, se segue a defender os intereses dos empregados públicos e non intereses políticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo