Os sindicatos alternativos abaixo asinantes facemos pública
a nosa valoración ao respecto da mobilización convocada pola CIG para o 19 de xuño.
Primeiro: os sindicatos asinantes hai anos que mantemos unha
posición consensuada, froito dos debates conxuntos, pero en pé de igualdade,
sobre a necesidade da convocatoria dunha folga xeral. No entanto concluímos que
a convocatoria da CIG non reúne as condicións e as garantías necesarias para
ser catalogada coma tal polo seguinte:
Unha folga xeral debe ser convocada por unha demanda social
que loxicamente inclúa un traballo previo de contactos entre organizacións
sindicais, colectivos, plataformas e movementos sociais; non poden, polo tanto,
obedecer a decisións dunha parte que substraia a vontade da totalidade. Neste
caso a folga deixa de seren un instrumento da clase traballadora para se
converter no instrumento dunhas siglas.