30 de xuño de 2009

Promoción dos axentes forestais

Publícase hoxe no DOG a Orde pola que se convoca o proceso selectivo para a promoción dos axentes forestais á escala de axentes facultativos ambientais. Os interesados teñen 20 días para presentar as solicitudes, que estarán a disposición na páxina da Xunta de Galicia.

26 de xuño de 2009

Novas no DOG

No DOG de hoxe publícanse varias disposicións de interese para o persoal. Entre outras, está a Orde que eleva a definitiva as listas dos que superaron as probas para o ingreso na categoría 050 (técnico especialista en xardín de infancia) polas quendas de promoción interna e acceso libre; tamén publícanse dúas resolucións relativas ao proceso de consolidación de emprego na agrupación profesional de persoal subalterno, tanto do primeiro como do segundo exercicio.

24 de xuño de 2009

Modificación da Lei da Función Pública de Galicia

Publícase no DOG de hoxe a Lei que modifica o texto da Lei da Función Pública de Galicia. Coñécese que, para o goberno da Xunta de Galicia, o problema máis grande no tocante á función pública galega é a lingua na que os opositores fan as súas probas de acceso. Curiosamente, no texto aprobado, defínese a lingua galega como a "lingua propia de Galicia" e a castelá como "lingua oficial en Galicia". Expertos en crear problemas, os políticos métense agora a lingüistas de medio pelo e trátannos coma parvos. En realidade, estes son os problemas de persoal da Xunta?

19 de xuño de 2009

Xornada de verán

No DOG de hoxe publícase a Orde da Consellería de Facenda (aínda parece incrible que os temas de función pública dependan de Facenda) pola que se fixa a xornada de verán e o horario para o ano 2009. Será o previsto desde hai días: do 23 de xuño ao 23 de setembro (ambos días incluidos), en horario de 8:30 a 14:30 horas. Podédelo consultar picando aquí.

10 de xuño de 2009

Apoio aos compañeiros de Correos

O próximo domingo, ás 12 do mediodía, os traballadores de Correos farán unha manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela. Amosamos a nosa solidariedade cos compañeiros e animamos a todos a acudir.

Correos en loita, non faltes!

1 de xuño de 2009

Xa empezan a avisar da próxima conxelación

A Conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, xa avisa que, para o ano 2010, "tendremos que contemplar la congelación de los salarios de los funcionarios".

Polo que se ve, os funcionarios son os culpables da crise. Non o son nin os bancos, nin os fabricantes de coches, nin os donos das empresas... Todos eles están recibindo suculentas axudas dos presupostos do Estado (incluída a Xunta), pero a solución está na conxelación salarial dos funcionarios.

Por outro lado, seguen facendo propaganda do aforro en altos cargos. No parece ser para tanto se temos en conta a patulea de asesores e similares que cada "superdelegado" trae consigo e que provoca que non haxa nin sitio para tanta xente nas delegacións actuais. Claro que cada un manexa os números como mellor lle vai.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo