29 de abril de 2009

Primeiro de Maio

Este Primeiro de Maio, a CGT volve saír á rúa nunha situación aterradora para millóns de traballadores. A cifra de catro millóns de parados converte a situación de moitos en insostible. Coa vista posta nunha Folga Xeral, este sindicato celebrará manifestacións na Coruña e en Vigo. Animamos a acudir a todos os traballadores da administración pública a estes actos. A solidariedade é, agora máis que nunca, imprescindible.

22 de abril de 2009

Función Pública, para Facenda

No DOG de hoxe sae o Decreto que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e, sorpresa!, a Dirección Xeral de Función Pública pasa á Consellería de Facenda. Mala sinal é para os traballadores públicos que pasen a depender da Consellería dos cartos (e, en tempo de crise, da dos recortes); isto non nos fai esperar nada bo nos próximos anos no referente ás retribucións. Por outro lado, por qué a Consellería de Presidencia leva o apelido de Administracións Públicas? Misterios dos repartos políticos

13 de abril de 2009

Xa empezamos co de sempre

No Faro de Vigo aparecen unhas declaracións do deputado Pedro Puy, "man dereita do presidente electo" (cantas mans dereitas pode ter un home?) nas que fala de racionalizar e axilizar a xestión, reestruturando a distribución dos traballadores públicos para cubrir os departamentos nos que agora o cadro de persoal é escaso, sacándoos de onde sobran. Isto, que é fácil de dicir, supón que haberá que volver modificar as relacións de postos de traballo (moitas delas recién aprobadas), sin deixar á parte a obrigada modificación da Lei da Función Pública Galega, aprobada polo bipartito sen ter en conta o estatuto Básico do Empregado Público.

7 de abril de 2009

RRPPTTs

As modificacións das Relacións de Postos de Traballo das Consellerías de Pesca e de Educación aprobadas polo Consello da Xunta do día 26 de marzo son publicadas hoxe no DOG.
No caso da Consellería de Pesca, as modificacións céntranse no Servizo de Gardacostas (antes Servizo de Protección de Recursos), co engadido de que se clasifican como de libre designación dous postos de xefetura de servizo (Onde queda aquela vontade de eliminar as libres designacións destes postos?) utilizando a excepcionalidade que a Lei da Función Pública prevé e que xa denunciamos no seu momento como coadoiro.
No caso da Consellería de Educación, a modificación é, casi exclusivamente, para poñerlle a todo o persoal subalterno dos centros de ensino o "horario especial", como consecuencia do célebre "acordo" dos catro patacóns.
Morrer matando en cuestións de persoal. Eso sí, coa vida laboral asegurada para os altos cargos.

6 de abril de 2009

Nomeamento de persoal laboral fixo

Publícase hoxe no DOG a orde pola que se nomea persoal laboral fixo da Xunta aos aspirantes das categorías IV.033 (condutor de motobomba), V.14 (peón de incendios forestais) e V.9 (celador 2ª/vixilante de recursos naturais), segundo o establecido nas sentenzas 28/2004 e 242/2004 do contencioso administrativo. Hai un mes para o recurso de reposición e dous meses para ir directamente ao contencioso-administrativo.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo