21 de outubro de 2008

Os funcionarios e Internet


Na prensa de hoxe sae destacada a nova de que a Xunta preparou un decreto para racionalizar o uso, por parte dos empregados públicos, das "novas tecnoloxías", e, especialmente, os móbiles e Internet.

Como sempre, as informacións que fai públicas a Consellería da Presidencia sobre os funcionarios e o seu traballo poñen ao persoal na picota, algo sempre rendible de cara a opinión pública. Na nota de prensa chégase a falar, incluso, de expedientes sancionadores a aqueles que abusen dos medios da Xunta e presentan aos funcionarios e laborais como un fato de lacazáns que pasan o tempo conectados a páxinas pornos da Internet, perdendo o tempo descargando películas piratas ou falando coa asistenta a través de móbiles da Xunta de Galicia.

Pois ben, o que non din estas informacións é que as conexións a Internet distan moito de estar xeralizadas, que en moitos departamentos están vedadas a aqueles que non sexan xefes de algo, que os traballadores teñen que usar claves doutros compañeiros para traballar ou facelo noutros ordenadores, que os teléfonos móbiles están restrinxidos a algunhas actividades absolutamente minoritarias e que, nun país moderno, o acceso a Internet desde os postos de traballo dos funcionarios debería ser algo tan natural como xeralizado.

En canto aos abusos, todos coñecen casos e todos saben que son absolutamente excepcionais: a maioría dos traballadores fan un uso razoable dos medios que teñen, moitas veces escasos e obsoletos, verdadeiras antiguallas.

En canto á posibilidade de controlar a utilización do correo electrónico (un correo electrónico cativo e ruin no que atinxe ás súas posibilidades e capacidade, por outra parte), a CGT tamén estará vixilante de que non se utilice o dito control esquivando o dereito á inviolabilidade das comunicacións e avisa a aqueles que o fagan: ide con coidado, non vos pilledes as mans. Ou o fuciño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo