16 de outubro de 2008

O acordo sobre os centros de ensino

Nos últimos tempos, reparteuse nos centros de ensino o seguinte comunicado:

"O "ACORDO" SOBRE HORARIOS E RETRIBUCIÓNS NOS CENTROS DE ENSINO

Durante o mes de xullo sucedéronse comunicacións dos sindicatos “maioritarios” (CIG, CC.OO., UGT e CSIF) sobre as negociacións que estaban a emprender coa Consellería de Educación para regular, dunha vez por todas, a situación, en moitos casos irregulares, que se estaban a vivir nos centros de ensino. Pero chegou agosto (inevitable), e chegou o acordo (evitable). E dicimos isto porque hai compañeiros da CIG que presentan a sinatura sen consultar con ninguén como inevitable; non, compañeiros: inevitable é que despois de xullo, chegue agosto; retrasar unha sinatura dun acordo para consultar non é inevitable, é de cagóns. Sobre todo se temos en conta o texto do acordo, que é tan beneficioso para a Administración/Direccións dos Centros que non terían ningún problema en agardar para que o asinaran. Ou será que a premura da sinatura está máis en relación con que se asinaban en agosto entraría en aplicación xa en setembro?
Xa máis en serio, o primeiro que hai que dicir deste acordo é que para nada é un avance, todo o contrario as facultades que o acordo lle outorga as direccións supoñen que as arbitrariedades que xa se estaban a cometer nos centros de ensino co persoal non docente (fundamentalmente subalterno) non só se van a manter, senón que van a aumentar; pero ademais, o persoal afectado non poderá recorrer á "presión" de facer o seu horario legal (7,45-15,15). A sinatura deste horario por parte dos maioritarios dálle a razón a unhas declaracións que lle fixo o actual Delegado Provincial de Educación a unha Comisión da Xunta de Persoal Provincial. "os funcionarios de Educación non son funcionarios normais". Queda claro que o resto de sindicatos representados na Xunta de Persoal cren, co Delegado, que os funcionarios de Educación somos anormais (ou especiais que din agora).
O establecemento deste horario anormal (7,45-23,00) será establecido pola Dirección do Centro oído o persoal afectado (punto 3 do acordo). Ou sexa non ten porque haber un acordo co persoal para o establecemento do horario, simplemente ten que ser oído. Incluso a modificación do horario cunha "causa xustificada" queda a criterio da Dirección. Dá medo que o acordo poña a modo de exemplo algunhas destas "causas xustificadas": claustros, probas ou avaliacións. En resume un caixón de sastre onde se pode meter practicamente todo: cursos de formación, oposicións, exames CELGA… que aínda que ata agora xa as había sempre tiñamos o recurso de non facelas ou pelexar por non facelas aos non ser obrigatorias. Agora este recurso desaparece. Claro, os asinantes do acordo sempre poden dicir que o establecemento de modificacións do horario por "causa xustificada" está restrinxida a "dez días por curso académico", pero, dez días por cada centro? ou dez días por cada subalterno que traballe nun determinado centro? Se lemos o inicio do punto 4 do acordo teremos a resposta "Poderá regularse un horario diferente do habitual para determinados días do ano". Como o horario agora é individual xa tedes a resposta.
De todos xeitos, esta marabilla de acordo, pequeno, de tan só 9 puntos é contraditorio neste punto. Así, como dixemos no punto 3 para o establecemento do horario pola dirección só se require escoltar ao persoal afectado, e segundo o punto 7 "o establecemento e a modificación da xornada de traballo e dos horario correspóndelle á dirección do centro, previa negociación". A resolución sobre o horario da dirección do centro "será executiva" (de inmediata aplicación). Pero sexa como fora, que ocorre se non hai acordo na negociación?. Entón irase ao que di o punto 11 é resolverá unha Comisión integrada polo Secretario/a Provincial da Delegación Provincial da Consellería de Educación, a xefatura provincial da inspección educativa (¿?), dous directores/as, unha representante da Xunta de Persoal e un dos sindicatos máis representativos. Ou sexa, no mellor dos casos 4 votos contra 2 (tendo que conta que os representantes dos sindicatos asinantes voten a favor dos traballadores/as, xa que os representantes da CGT non acudirán a ese paripé). O que se nos está a vender como unha garantía, a presenza sindical na comisión é a efectos prácticos algo totalmente inútil. Igual de inútiles son as "facultades" que o acordo lle outorga á Xunta de Persoal, xa que este se reduce a solicitude (por parte da Comisión) dun "informe á Xunta de Persoal que deberá emitilo no prazo de 20 días hábiles" Un informe que por lei é preceptivo e non vinculante, ou sexa nada.
E para rematar votemos unha ollada ao título do acordo e a súa estrutura. O título é "Acordo sobre horarios e retribucións dos funcionarios da Xunta que prestan servizo nos centros de ensino". A estrutura é 11 puntos e 5 disposicións transitorias. 11 puntos e 4 disposicións transitorias se refiren ao persoal subalterno, o persoal da Xunta da provincia de Pontevedra que máis conflitos rexistrou no último ano e medio. Unha disposición transitoria fala dos auxiliares, da subida de nivel 12 a 14. Onde está o "Acordo sobre horarios de retribucións dos FUNCIONARIOS DA XUNTA que prestan servizo nos centros de ensino? Case sería máis conveniente chamarlle o Acordo sobre horarios e retribucións do persoal subalterno e aumento de retribucións do persoal auxiliar.
Por certo onde di no acordo que o persoal auxiliar non terá horario partido (anormal, especial)?? Agora din que seguirán coa xornada normal que regula o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de febreiro de 1990, pero calan, aínda que antes o tiñan moi presente, para non facer nada polos compañeiros/as que denunciaban o horario partido ante Xunta de Persoal, o Decreto de 1991 onde se establece que o horario de todo o persoal non docente dos centros estará ao que determinen as necesidades dos mesmos."

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo