24 de maio de 2013

A Lei do Emprego Público, unha nova Lei do Embude



O Anteproxecto de Lei sobre o Emprego Público de Galicia que o goberno de Feijóo presentou recentemente é un novo ataque aos dereitos dos traballadores. Supón a implantación definitiva da arbitrariedade, a politización extrema da función pública, a consagración do amiguismo e a consideración dos empregados públicos como servos da gleba.
Temos que recordar que este anteproxecto é a constatación en Galicia do que supuxo aquel bodrio chamado Estatuto Básico do Empregado Público, cuxas previsibles consecuencias xa denunciamos no seu momento, parido polo goberno do PSOE e avalado por CC.OO., UGT y CSIF no seu momento. Agora o PP dálle ao acelerador, pero sobre unha lexislación aprobada por outros. Os asinantes daquel acordo, aínda que critiquen este anteproxecto, seguen defendéndoo e din que o único problema é que se pode aplicar, sempre que haxa obxectividade no sistema. O que non explican é como vai haber obxectividade nun sistema que ten como característica fundamental a arbitrariedade.
Os aspectos máis salientables da Lei do Emprego Público son:

  • Xeralización da “avaliación do desempeño”, pola que a carreira profesional convértese nunha carreira de peloteo ao depender a avaliación dos propios xefes, xefes que, á súa vez, son cargos de libre disposición nomeados por lealdade ou confianza polo político de turno. A discrecionalidade do sistema é evidente, dado que a consecución dos postos de traballo dependerá de cuestións subxectivas e non obxectivas, como ata agora. Pódese perder o posto de traballo obtido por concurso por unha avaliación de desempeño negativa.
  • Modifícación da estrutura salarial, aumentando a discrecionalidade nos complementos, por estar ligados á “avaliación do desempeño”. Os interinos cobrarán as retribucións mínimas, ocupen o posto que ocupen.
  • Aprobación da posibilidade de implantar retribucións “diferidas”, é dicir, facer como na Administración Central: ingresar parte das retribucións en fondos privados de pensións, decidindo sobre os nosos cartos en beneficio da banca e dos sindicatos que se prestan a ser xestores dos fondos (CC.OO. e UGT).
  • Creación do persoal directivo, que é persoal non funcionario que provén da empresa privada para os chiringuitos e entidades públicas instrumentais: SERGAS, IGAPE, Augas de Galiza e outras 30 entidades de todo tipo. Ademais, non hai límites salariais para este persoal.
  • Mantemento do “plus de altos cargos”, que fora suspendido.
  • Creación de concursos específicos, con entrevista persoal, para as prazas que eles consideren que deben quedar fóra dos concursos xerais. A arbitrariedade convértese así en algo normal, reducindo os méritos a simple paripé e primando a entrevista persoal como algo decisivo.
  • Eliminación do límite temporal nas comisións de servizo. Agora o límite é de dous anos, pero preténdense prolongar para a perpetuación dos colegas nos machitos.
  • Aumento da mobilidade inter-administrativa sen reprocidade, co que poderán vir traballadores doutras administracións sen que nós poidamos ir a elas. Isto é especialmente grave no caso da Administración Local, que se pode converter en subministradora indirecta de persoal para a Xunta sen as garantías de mérito e capacidade mínimas esixibles.
  • Eliminación da preferencia do persoal da Xunta sobre o persoal de novo ingreso na oferta de postos, polo que a unha persoa que acabe de entrar se lle ofrecerán os postos con niveis antes que ofrecer as vacantes aos traballadores que xa estean dentro. O prexuízo ao persoal que levan anos intentando acceder a un posto mellor é evidente, sobre todo se temos en conta que os concursos se fan, polo menos, cada dous anos. Probablemente as poucas prazas con nivel que puidese haber cubriranse antes de que a oferta chegue a todo o mundo.
  • Cambio do sistema de reasignación de efectivos, de xeito que o persoal ao que se lle suprima o posto pode ser asignado, desde a primeira fase, a calquera posto dentro de Galicia na mesma Consellería. Na segunda e terceira fase, haberá a obriga de aceptar outras consellerías e mesmo os chiringuitos.
  • Delegación no goberno galego da potestade regulamentaria en máis de 70 cuestións mencionadas na Lei. Xeralización do “ordeno e mando” do goberno.

En definitiva, para a CGT a Lei de Emprego Público é unha auténtica Lei do Embude, que converte definitivamente a Función Pública nun pazo particular dos políticos, nun presebe para que chuchen das ubres da administración os achegados, amigos e parentes, onde a promoción profesional estea vinculada á arbitrariedade é á submisión permanente ao poder e na que o servizo público desapareza como guía de actuación dos empregados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo