4 de marzo de 2013

Contra os enfermos

Que o goberno de Rajoy é un goberno antiobreiro, ao servizo do empresariado máis voraz e contrario a calquera idea de xustiza social xa o sabiamos. Agora, novamente, volve a dar unha nova volta de torca contra os traballadores, neste caso os enfermos.

Non contentos con poder despedir aos traballadores que estean enfermos "de máis", aínda que sexa por unha enfermidade debidamente acreditada e xustificada, presentan o proxecto de que as Mutuas, coñecidas abondo pola súa facilidade para dar de alta aos traballadores cunha baixa por accidente laboral, poidan meter os seus fociños nas enfermidades comúns. O método é tan sinxelo como radical e fóra de lugar: o métdodo da Mutua lle pide un informe ao da Seguridade Social que deu a baixa e se este non responde en catro días, a Mutua pode revocala directamente.
O sistema, que o único que pretende é diminuir o número de baixas, non dar un maior servizo ao doente, ten varios compenentes que non podemos deixar de salientar:
  • As Mutuas son organizacións de empresarios e os seus médicos os seus empregados
  • Os médicos da Seguridade Social non teñen tempo para as consultas, menos o teñen para informar de calquera doenza. Por outro lado, por qué o médico da Mutua debe coñecer as enfermidades que non teñen que ver co traballo? Onde está a protección de datos?
  • Cada alta feita pola Mutua dará lugar a un conflito, que deberá resolver a Inspección da Seguridade Social. 
As consecuencias son claras: os médicos das Mutuas farán o que xa fan cos accidentes: dar altas sen xeito, provocando, polas reclamacións, atascos na Inspección, que debería estar adicada a menesteres máis serios.
A CGT chama a todos os traballadores a non aceptar a situación e a reclamar cada unha das altas que dean as Mutuas, se chega a implantarse, tal como está previsto, este sistema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo