18 de xullo de 2007

DE PARCHE EN PARCHE NA FUNCIÓN PÚBLICA

O Parlamento Galego aprobou onte, día 17, unha nova reforma da Lei da Función Pública de Galicia (e xa van dezaseis). O proxecto, que estivo parado desde o mes de marzo ata o mes de xullo en curso, queda agora descafeínado dada a aprobación do estatuto Básico do Empregado Público, que contradí, en moitos aspectos, a normativa galega. Tal é así que o presidente anunciou a constitución dunha "comisión de expertos" que elaborará unha nova lei nun prazo de 15 meses.

Especialmente indignante é o anuncio feito, por parte de Touriño, de que o concurso de traslados no que se saquen tódalas prazas de libre designación non se fará ata o ano 2010 (o que veña detrás, que arree). Todos sabemos o que significa iso na Administración: sine die.

A mesma demora non a houbo á hora de aproba-lo recoñecemento xurídico dos ex-presidentes e das suás prebendas, aprobadas tamén onte. Neste tema, tódolos partidos estiveron de acordo. ¡Viva o consenso polo ben público!

En canto teñamo-lo texto aprobado, teredes cumprida información.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo