8 de xullo de 2008

Perigo: negociación nos centros do ensino

As centrais sindicais "maioritarias" están negociando coa Administración galega o tema dos horarios do persoal subalterno dos centros de ensino. Resumindo, a Xunta quere que se poidan poñer horarios ata as 23 horas (é certo!) e os sindicatos aceptarían ata as 22, sempre que se pague debidamente e se establezan mecanismos de fixación de horarios, pero sen rexeitar frontalmente os argumentos da administración. Pois ben, para nós, ista negociación non é máis que o inicio do que nos espera: horarios á carta de cada centro e sen ter en conta nin os desexos nin os intereses dos traballadores, que non sempre pasan por cobrar uns cantos euros máis.

De entrada, a CGT fai as seguintes consideracións:
1.- A posibilidade de establecer horarios "legais"en cada centro desregulariza un dos puntos esenciais das relacións laborais dos funcionarios públicos, que é a da negociación colectiva da xornada e do horario laboral. O establecemento de horarios por centro posibilita a presión das direccións sobre un persoal ata o de agora xa suficientemente presionado e que só conta cunha única baza para manter os seus dereitos no que se refire aos horarios: coa clasificación nas RPTs. A partir de que o acordo se produza, as direccións dos centros terán total autonomía para mangonear de xeito legal aos subalternos.
2.- A petición dos sindicatos institucionais dunha maior retribución polas características do horario é discriminatoria, xa que en situación similar se atopan os compañeiros que traballan nos rexistros con horarios especiais (quendas de mañán e tarde e traballo os sábados) dos que non se di nada. Ademáis, o incremento das retribucións do persoal subalterno a cambio desta liberdade horaria non é unha reivincicación do colectivo. Quen lles dixo que a cambio de cartos se aceptaba traballar ata as 10 ou as 11 da noite? Como se atreven a non defender nin xiquer a voluntariedade do horario de tarde ou o partido?
3.- O establecemento dunha serie de "diferenzas" entre os funcionarios de centros educativos (neste caso e polo de agora só subalternos) e os demais funcionarios pode convertirse nunha arma para a Administración que leva anos tentando crear un corpo especial cos funcionarios de Educación.
4.- O acordo, de producirse, tería graves problemas de legalidade, xa que os compañeiros que tomaron posesión da súa praza como subalternos nos centros de educación o fixeron en prazas nas que a RPT non especificaba horario especial. Agora un acordo entre sindicatos e administración ven a modificar a RPT e as condicións esenciais do traballo dos subalternos. Que pasa cos compañeiros que pediron traballar nos centros educativos precisamente polas características dos seus horarios e que agora os poden ver modificados?
5.- O acordo non entra de cheo na problemática que se está a producir nos centros educativos; todo o contrario, a súa sinatura producirá unha escalada nas inxustizas que tanto as direccións dos centros como inspección educativa está a cometer, é máis estas quedarán amaparadas pola "legalidade" que lle atribúe o acordo. Non haberá xa extralimitacións por parte das direccións, xa que o acordo supón acabar a efectos prácticos coa práctica totalidade das limitacións legais que ata o de agora tiñan.
6.- Por último, e todo isto é unha ollada rápida na que profundizaremos, os sindicatos establecen un perigoso precedente para o resto do persoal. Ningún centro de traballo estará libre, de agora en diante, en que se argumenten necesidades específicas para establecer un horario especial. Só fan falta dúas cousas: que a adminsitración o propoña (e pode facelo en calquera momento) e que haxa sindicatos dispostos a negociar (e xa vemos que os hai).

Rexeitemos este abuso e non permitamos que negocien no noso nome sen ternos en conta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo