25 de novembro de 2011

A Xunta e as empresas periodísticas

No DOG do día 23, a Consellería de Presidencia publicou unha resolución pola que se anuncia a concesión de subvencións (só publican as superiores a 3.000 €) a empresas periodísticas de Galicia. Entre estas subvecións destacan os 610.000 € para La Voz de Galicia, os 240.000 para El Faro de Vigo ou 108.000 € para El Progreso de Lugo, entre outras.
Cabe destacar como estas empresas, que na súa maioría apoian os recortes na Administración -incluidas as rebaixas de soldo e condicións laborais dos empregados públicos- non dubidan á hora de tirar da ubre do Estado cando lles ven ben. De repente non só desparecen as críticas ao despilfarro, senón que, ademáis, nin puxeron a noticia nos seus medios, non fora a ser que nos decatáramos da indecencia do chope.

Pouco a pouco, todos van quitándose a careta

No medio da polémica sobre os recortes no País Vasco e en Cataluña, a Generalitat soltou que tamén lle quere meter man aos días de asuntos particulares. Estes días, inventados pola Administración a cambio de varias conxelacións salariais, convertense agora en moeda de cambio ante os próximos recortes.
Por outro lado, o ínclito Feijóo, a pesar das súas declaracións en contra do copagamento, ven de dicir que está a favor de que se pague máis polas menciñas e as taxas universitarias.
Como sempre, as clases populares serán as máis desfavorecidas: os enfermos crónicos no caso dos medicamentos e os fillos dos traballadores, que verán reducidas as súas posibilidades de acceder á universidade, son as vítimas desta versión de "repago" clasista.

24 de novembro de 2011

Agora recortan os vascos

O goberno vasco ven de anunciar unha serie de medidas de recorte que afectan aos empregados públicos. Entre outras, a reducción de varios complementos, a prohibición da prolongación no servizo activo e a eliminación do complemento das baixas por enfermidade.
Isto supón, entre outras cousas, a reducción de postos de traballo (o que se xubile aos 65 non será relevado) e a reducción dos ingresos dos que estean de baixa. Cabe recordar que, no caso de baixa por enfermidade, o traballador da Seguridade Social non cobrará polos 3 primeiros días, cobrará o 60% entre o cuarto e o día número 20 e o 75% do día 21 en adiante. A perda de ingresos é tremenda.
Cada vez se achegan máis os recortes e nós estamos mirando como nos cae o ceo enrriba sen inmutarnos. Deixémonos de fatalismos e preparémonos para a loita!

23 de novembro de 2011

Cataluña adiántase e anuncia outro recorte nos soldos dos empregados públicos

O presidente da Generalitat, Artur Mas, acaba de anunciar unha serie de medidas de recorte, entre outras a reducción salarial para os empregados autonómicos cataláns. Esta reducción farase nas retribucións complementarias, ao estar as básicas fixadas pola Administración Central. Ademáis ahi outras medidas como o incremento das tasas universitarias, un pago por expedición de receitas médicas e outras, todas elas adicadas aos sectores máis desfavorecidos. Sen embargo, non se lles deu por recuperar o imposto de sucesións, que lles podería dar os mesmos ou máis ingresos.
Estas medidas aprobadas por CIU teñen o respaldo do PP, que se absterá na votación (tal como fixo nos recortes no Parlamento español).
Así está a cousa. De nós depende que os próximos recortes veñan contra o noso soldo, porque cando vexas as barbas do teu veciño rapar...

16 de novembro de 2011

Non podemos estar quedos

Sexa quen sexa o próximo presidente do goberno (eles chámano "gañar" as eleccións), os recortes que se aveciñan no sector público son arrepiantes. E non só no que atende aos servizos aos cidadáns, senón tamén nos recortes directos ao persoal: menos contratacións, conxelacións salariais, maior presión a través das inspeccións de todo tipo coaccionando ao persoal, eliminación dos interinaxes... A pesar da tranquilidade de moitos, non podemos estar seguros de que non intenten regulacións de empregos do persoal laboral fixo ou mesmo do persoal funcionarios de carreira.
Imos esta cos brazos cruzados ante este panorama? Imos esperar a engrosar a estatística de persoas no umbral da pobreza? Depende nosa de que isto suceda ou de que, de suceder, o faga co menor impacto posible para nós. Nas nosas más está impedilo.

9 de novembro de 2011

2 de novembro de 2011

Restriccións na contratación

A Lei de orzamentos do ano que ven establece o recorte nas contratacións de persoal eventual, temporal ou interino, salvo contadísimas excepcións. Non lles importa aos nosos políticos o constante deterioro nos servizos públicos, senón que o único importante é inclinarse ante o novo mito económico: a contención do déficit público, a costa do que sexa.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo