24 de setembro de 2007

ACCIDENTE NO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DE MONELOS

No día de hoxe, ás 11 da mañá, un andamio das obras de acondicionamento do Edificio Administrativo de Monelos da Xunta, na Coruña, cedeu polo exceso de peso do material colocado enrriba del, arrastrando a un traballador da obra. O ferido foi evacuado en ambulancia, descoñecéndose o alcance das lesións (probablemente algunha fractura nun pómulo, nun brazo e na cadeira), e estaba conscente.

Para a CGT, a Xunta de Galicia non pode eludir a reponsabilidade que ten na vixilancia das medidas de seguridade das obras que contrata, así como do encadenamento de subcontratas que se están a producir nestas obras. Solidarizámonos co traballador, cos seus compañeiros, familia e amigos, e exisimos que se establezan as responsabilidades mediante as investigacións que fagan falta.

20 de setembro de 2007

EN MATERIA DE FUNCIÓN PÚBLICA, CAMBIAMO-LO PESCOZO POLO CU

Estase negociando a promoción interna dos grupos A, B e D e as previsións non poden ser máis nefastas para o funcionariado. Tal e como fixeron co grupo C, o baremo dos méritos é calquera cousa menos xusto: a puntuación concedida ós que teñen o máximo grao consolidado (xa sabedes, libres designacións e similares) é equivalente a case 30 anos de servizos como posto base (os sen padriño e desafortunados); Concédense puntos por ter permisos de paternidade e similares (iso que é? mérito ou capacidade?), producindo unha discriminación evidente no dereito á promoción, etc. Está claro: para o persoal ó servizo da Xunta de Galicia, a entrada do PSOE-BNG non supuxo mellora ningunha nas condicións de acceso nin de traballo. Como non nos movamos, estamos aviados.

Podedes consultar os borradores nas seguintes ligazóns:

12 de setembro de 2007

CONVOCADAS PRAZAS DO GRUPO C POR PROMOCIÓN INTERNA

No DOG de hoxe, 12 de setembro, foi publicada a convocatoria de 131 prazas (9 delas para persoas con discapacidade) de funcionarios do grupo C (administrativos) polo sistema de concurso-oposición.

Hai novidades tanto na valoración de méritos como nas probas que hai que superar, así que hai que ler as bases con atención.

O prazo de presentación de instancias remata o día 2 de outubro. Esperemos que os exames non se fagan en xaneiro de 2009, como ten por costume Función Pública, senón que sexan nun prazo razoable.

4 de setembro de 2007

A CGT SOLICITA AO DEFENSOR DEL PUEBLO QUE INTERPOÑA RECURSO DE INCONSTITUCIONALIDADE CONTRA A LEI DA FUNCIÓN PÚBLICA DE GALICIA

NOTA DE PRENSA: O pasado 29 de agosto a Confederación Xeral do Traballo (CGT) presentou unha solicitude na oficina do Defensor del Pueblo para que este, no exercicio das súas atribucións, interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei da Función Pública de Galicia publicada o 27 de agosto pasado, concretamente contra a súa disposición adicional 17ª que establece un complemento retributivo para todos os altos cargos da administración galega dende 1981.

A citada Disposición Adicional 17ª supón na práctica un trato de privilexio a uns determinados funcionarios, trato que é contrario a principios básicos constitucionais e, ademais, resulta agravado por canto a razón do mesmo está en ter ocupado un posto de designación directa ou de libre designación, isto é, non sometido estrictamente aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Ao mesmo tempo esta disposición adicional supón o incumprimento do acordo retributivo para os anos 2006-2009 asinado polo Conselleiro da Presidencia e os sindicatos máis representativos, onde se fixan os incrementos salariais para todos os funcionarios da Xunta de Galicia sen excepción ningunha. Pero non so isto, senón que vulnera dun xeito flagrante o Estatuto Básico do Empregado Público (Lei 7/2007 de 12 de abril) de recente aprovación polo parlamento español, concretamente os seus artigos 31, 33 e 37onde se establece o dereito á negociación colectiva dos empregados públicos, os principios que ven rexer esta negociación e a obrigatoriedade desta negociación en materias retributivas. A aprobación desta disposición tamén vulnera o artigo 24 do Estatuto Básico, onde se establecen os criterios que deben cumprir tanto a contía como a estrutura das retribucións complementarias (o complemento da a Disposición Adicional 17ª concede aos altos cargos ten a consideración de retribución complementaria). Ningún destes criterios ampara o disposto na disposición adicional 17ª polo que a súa aplicación supón un agravio para o resto dos traballadores da función pública que verán como compañeiros que, co único mérito de ter estado nun cargo de contido político, alcanzarán o máximo de retribucións (en ocasións, superiores ás que polo seu grupo lles puideran corresponder) que o resto non poderá conseguir, aínda que sexa cunha carreira administrativa afortunada e de moitos anos de servizo.

Por estes motivos, dende a CGT, confiamos que o Defensor del Pueblo interpoña o recurso de inconstitucionalidade que lle solicitamos para que deste xeito se anule unha disposición adicional que dende a súa aprobación só ven causando polémicas e malestar entre todos os empregados públicos da Xunta de Galicia.

Confederación Xeral do Traballo

Confederación Xeral do Traballo